A nova avenida de Tomiño será aberta ao tránsito o domingo 22 de decembro A inauguración do vial estaba prevista para o sábado, pero tivo que suspenderse por mor das previsións meteorolóxicas

A nova avenida de Tomiño que rodeará o centro urbano co obxectivo de retirar o tráfico de paso do núcleo da vila, será aberta o vindeiro domingo despois da II Carreira de Nadal.
A inauguración da obra, que estaba prevista para mañá, sábado 21 de decembro, coa asistencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a presidenta da Deputación de PO, Carmela Silva, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González e demais  membros da corporación local, tivo que cancelarse por mor das previsións meteorolóxicas adversas.

Para facer a esta importante infraestrutura, asinouse un convenio a tres bandas (Concello, Deputación e Xunta de Galicia) en agosto do pasado ano, que permitiu dar os pasos formais para poder chegar ás obras, cun orzamento de 3.545.623,60 euros (2.351.163,26 euros aportados pola Deputación provincial, 261.240,36 euros polo Concello de Tomiño, e 933.219,98 euros pola Xunta de Galicia en concepto de expropiacións) a dividir en diferentes anualidades.