30 Set A OMIX de Tomiño arranca a temporada de outono con novos cursos e actividades lúdicas Xogos medievais para coñecer a figura de Afonso X, un curso de iniciación a astronomía ou técnicas de estudo, entre as actividades ofertadas
A OMIX de Tomiño arranca a temporada de outono ofertando novos cursos e actividades para a mocidade. O primeiro deles será un curso de técnicas de estudo, dirixido ao alumnado da ESO, Bacharelato, Ciclos formativos, Universidade, persoas opositoras e calquera profesional que desexe aprender dun xeito eficaz. O obxectivo principal da actividade é a adquisición dunha serie de habilidades e hábitos de estudo que permitan ao estudantado acadar mellores resultados, desfrutar aprendendo e economizar tempo para outras actividades. A actividade desenvolverase de xeito online entre o 13 de outubro e o 10 de novembro (coa excepción do festivo do 1 de novembro) e será de luns a venres de 19:00 a 20:30 horas. O seu prezo é de 15 euros.
O 13 de outubro tamén será a data na que se iniciará outra das actividades, o curso de Francés nivel A1.2 que será impartido de forma online por unha profesora nativa cunha metodoloxía activa e participativa que favoreza a aprendizaxe do idioma dunha forma divertida. A data de inicio será o 13 de outubro e os horarios serán todos os mércores de 20:00 a 22:00 horas. Está dirixido a un público preferente con idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos e ten un prezo de 10 euros.
A observación do universo será a protagonista doutra das actividades ofertadas, xa que entre o 25 e o 29 de outubro terá lugar o curso de iniciación á astronomía, no que se ensinarán nocións básicas sobre a observación do ceo, a instrumentación astronómica ou manexo do Stellarium, entre outras. Está destinado preferentemente á mocidade de entre 12 e 35 anos, ten un prezo de 15 euros e terá dúas partes, unha online e outra presencial. A online desenvolverase de luns a xoves de 19:00 a 21:00 horas e a presencial será o venres de 21:00 a 23:00 horas.
Finalizará a programación de outubro a actividade “Sabios, xogos e xograres: xogos medievais para os tempos actuais”, unha amena presentación da obra lúdica de Afonso X para coñecer o legado do Rei Sabio no seu Libro dos Xogos: Xadrez, Dados e Táboas. Haberá máis de trinta taboleiros que permiten xogar a 2 ou 4 persoas simultaneamente en cada un, existindo a posibilidade de trasladar algún destes xogos ao vivo con distancias de seguridade. A actividade está organizada polo programa de normalización lingüística da Xunta de Galicia co que colabora a OMIX de Tomiño. Desenvolverase de balde o sábado 30 de outubro na Escola Obradoiro de Goián de 11:30 a 13:00.
Para inscribirse nalgunha destas actividades é preciso encher un formulario na web municipal en https://tomino.gal/.