21 Mar A OMIX de Tomiño elimina barreiras de comunicación cun novo curso de lingua de signos O obradoiro comezará o 25 de marzo e impartirase os sábados de 11.00 a 14.00 horas na Escola Obradoiro de Goián
O Concello continúa ampliando a oferta formativa e de lecer para a mocidade tomiñesa. Neste camiño, a OMIX de Tomiño organiza un novo curso de lingua de signos española nivel A1.2, un taller enfocado a que ao alumnado participante amplíe os seus coñecementos básicos e as técnicas instrumentais no uso desta lingua. “É unha forma de eliminar barreiras de comunicación e de facilitar o intercambio de información, a socialización… entre persoas oíntes e persoas xordas”, explica a alcaldesa, Sandra González.
Os obxectivos desta iniciativa será dar ás persoas participantes as pautas necesarias para continuar avanzando nesta lingua, aprender a signar, coñecer aspectos gramaticais básicos, así como o alfabeto dactilolóxico, signos e expresións habituais. “Dende o Concello consideramos que esta formación é moi útil para os nosos mozos e mozas e permítenos seguir concienciando á rapazada sobre a importancia de rachar barreiras e camiñar cara unha inclusión real”, salienta a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez.
As clases comezarán o 25 de marzo e impartiranse todos os sábados ata o vindeiro 10 de xuño en horario de 11.00 a 14.00 horas na Escola Obradoiro de Goián. Este curso está destinado a mozos e mozas a partir de 12 anos e terá un custo de 20 euros. A inscrición xa está aberta na web do Concello.