12 Mar A OMIX de Tomiño leva á mocidade ás raíces cun curso de horticultura ecolóxica Con 12 horas de duración celebrarase entre o 5 de abril e o 10 de maio na Escola Obradoiro de Goián. Xa está aberta a inscrición na web municipal
A OMIX de Tomiño dá os primeiros pasos para que a mocidade poida consumir produtos da horta cultivados por elas e eles mesmos, favorecendo unha dieta saudable e beneficiando ao medio ambiente. Faino organizando un curso de horticultura ecolóxica, un obradoiro no que o alumnado asistente poderá coñecer dun xeito teórico e práctico as bases da produtividade do cultivo ecolóxico e os labores en horticultura, afondando en que plantar, cando e como e aprendendo as claves de como manter a horta.
Será unha formación dun total de 12 horas na Escola Obradoiro de Goián na que todas as persoas participantes abordarán como colofón final a recolección e a conservación dos alimentos, ofrecendo a todas e todos os asistentes o ciclo completo do cultivo ecolóxico para consumo propio.
Como salienta a alcaldesa, Sandra González, “este tipo de obradoiros permítennos fomentar un estilo de vida máis consciente e responsable coa nosa contorna entre a nosa mocidade, sentando as bases para construír un Tomiño máis próspero e sostible para as xeracións vindeiras”.
As clases impartiranse todos os venres dende o 5 de abril ata o 10 de maio. O curso terá un prezo de 15 euros por persoa e todas as e os interesados en participar poden inscribirse xa a través da web municipal.