A OMIX de Tomiño pon en marcha dous novos faladoiros para mellorar o inglés charlando Impartidos polo británico Sam Arbon, os encontros serán todos os luns e martes a partir do 15 e 16 de xaneiro

A mellor forma de aprender calquera idioma é a inmersión lingüística. Por este motivo, para facilitar á mocidade tomiñesa achegarse ao inglés dun xeito directo, ameno e divertido, a OMIX de Tomiño pon en marcha dous novos faladoiros de balde para aprender e mellorar as súas competencias neste idioma charlando.

Da man do nativo británico Sam Arbon, membro do grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño, a rapazada poderá practicar inglés a través dunhas reunións informais nun formato English Speaking Coffee dirixidos a persoas de todas as idades e baseadas en conversacións sobre diferentes temáticas. Arbon preparará diferentes temas que servirán de eixo para que todas e todos os participantes poidan mellorar o seu nivel de inglés dun xeito diferente.

Os faladoiros organizaranse en dous grupos diferentes. O grupo 1 reunirase todos os luns ás 11.00 horas no primeiro andar do Mercado de Tomiño dende o 15 de xaneiro ata o vindeiro 19 de febreiro. Pola súa banda, o grupo 2 encontrarase os martes ás 19.00 horas tamén no mercado dende o 16 de xaneiro ata o 20 de febreiro.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa nestes faladoiros gratuítos a través da páxina web do Concello.