A policía local de Tomiño conta dende hoxe cun novo vehículo híbrido para a protección do medio ambiente A Alcaldesa aproveitou a visita da directora xeral de Administración Local para amosarlle o proxecto da futura biblioteca municipal

     

 

A Policía Local de Tomiño conta dende hoxe cun novo coche patrulla, que lle permitirá desenvolver tarefas de protección medio ambiental. O vehículo, co distintivo ambiental ECO e un motor híbrido (gasolina electricidade) e tracción 4 x 4, foi entregado na mañá de hoxe á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro.

No acto de entrega atopábase tamén o portavoz municipal do PP, Esteban González Miranda; o concelleiro de Tráfico, Ismael Troncoso e o xefe da Policía Local, José Ramón Álvarez.

A directora xeral de Administración Local, explicou que o novo vehículo destinarase especialmente a tarefas relacionadas coa protección ambiental, coma vixilancia e conservación do medio ambiente, protección da flora e da fauna, recollida de verteduras, etc. A unidade vén a complementar o parque móbil da policía local que conta con outros dous coches patrulla e unha moto. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza subvencionou o 80% do custe do novo vehículo, a través da Dirección Xeral de Administración Local e con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2020.

A Alcaldesa tivo oportunidade de amosar ás mandatarias da Xunta de Galicia o proxecto da futura Biblioteca Municipal, situada a carón do mercado. A alcaldesa explicou que o edificio da futura biblioteca tamén acollerá servizos municipais como a concellería de cultura, ou a Aula Cemit, así coma o Arquivo Municipal e aulas de formación.

A concentración destes recursos nun edificio permitiría aforros a nivel enerxético e mesmo de xestión do propio edificio, que ao estar tan próximo ao Concello, facilitaría as distintas xestións que teñen que facer os veciños en dependencias municipais.

O concello de Tomiño ten neste proxecto cultural e administrativo a súa máxima prioridade, e solicita que a Xunta de Galicia, ao igual que en outros concellos, colabore a través dun convenio en varias anualidades con esta infraestrutura tan importante para a veciñanza.