A Praza do Seixo énchese de festa coa celebración do Correlingua 2022 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, deu a benvida aos 250 estudantes de primaria e secundaria que se achegaron ata o lugar acompañados polos seus profesores

A Praza do Seixo foi escenario este mediodía do CORRELINGUA 2022; acto que contou coa actuación de Mekánika Rolling Band, presentada por Fran Rei. O ambiente creado pola música da banda e a enerxía propia dos estudantes converteu a actividade nunha verdadeira festa.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, deu a benvida aos 250 estudantes de primaria e secundaria que se achegaron ata o lugar acompañados polos seus profesores e profesoras, agradecendo a todas as entidades que fan posible a realización do Correlingua, que non visitaba o concello desde o ano 2018.
A rexedora animou a todos os presentes a falar, estudar e vivir a lingua galega. “Grazas a todos os e as profes que vos implicades no Correlingua, porque grazas a vos imos a celebrar mil primaveras máis para o Galego; o que queremos celebrar aquí é que temos unha lingua propia, nosa, o que é un motivo de orgullo para nós”, afirmou a alcaldesa.
Ao concerto asistiu alumnado e profesorado de colexios e institutos de Tui (CEIP Rebordáns e IES San Paio), Tomiño (CEIP de Barrantes e IES Antón Alonso Ríos), O Rosal (CPI Manuel Suárez Marquier) e Gondomar (IES Terra de Turonio).
Mekánika Rolling Band son os gañadores da edición do Cantalingua desta convocatoria de 2022 e participan nas Festas convocadas en espazos públicos e centros escolares das catro provincias.
Mekánika Rolling Band gañou coa canción “En busca da festa”. É un grupo de animación de rúa, que conta cun escenario móvil autoamplificado, e que incorpora efectos visuais nun show enérxico, participativo e dinámico.