A Praza do Seixo vibrará hoxe con Dakidarría A actuación está enmarcada dentro do programa “+ Música” da Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Tomiño

O grupo nigranés “Dakidarría”,consolidado como unha banda histórica do panorama galego e estatal, chega á Praza do Seixo  cun espectáculo cheo de forza e ritmo.

Despois dunha traxectoria de máis de vinte anos e varios discos ás costas, o grupo xa ten experiencia no de subirse a un escenario. É por iso que non quedará sen cantar a pleno pulmón os temas máis recoñecidos da agrupación, e “Terra”, “Lume” ou “En Compostela” serán algúns dos moitos que sairán das gorxas do público asistente, nun espectáculo marcado por unha posta en escena sorprendente e pola festa asegurada.

A cita, que dará comezo ás 22.30 h, realízase grazas á colaboración do Concello de Tomiño co programa “+Música” da Deputación de Pontevedra, que ten como obxectivo apoiar a programación artística profesional en galego dos concellos da provincia de Pontevedra.

Polo tanto, o espectáculo será de balde para que todos os veciños e veciñas poidan gozar dunha actuación na que os do Val Miñor mesturarán os sons e ritmos da voz, a guitarra, o teclado, o saxo, a trompeta e a batería, sen deixar indiferente a ninguén.