22 Feb A previsión de mal tempo obriga a adiar o Venres de Foliada en Tomiño O Concello informará cando haxa unha nova data confirmada
A previsión de mal tempo obriga a adiar novamente o Venres de Foliada en Tomiño. O Concello informará cando haxa unha nova data confirmada para o desfile tras estudar as condicións meteorolóxicas das vindeiras semanas e consensuar de novo coas comparsas o posible día para celebrar esta tradicional actividade que cada ano dá o pistoletazo de saída ao Entroido na comarca e que xa tivo que ser suspendida a principios de febreiro por mor da borrasca Karlotta.
Como explica a alcaldesa, Sandra González, “buscaremos unha nova data que permita garantir a participación do maior número de persoas, permitindo que tanto as e os participantes como o público poidan desfrutar do noso tradicional desfile. Agradecemos a comprensión e colaboración de comparsas, treboadas e veciñanza e estamos seguros de que co cambio de día poderemos seguir gozando xuntas e xuntos de momentos de lecer, entretemento e diversión”.