12 Xuñ A primavera remata no Mercado de Tomiño cun obradoiro de reaproveitamento alimentario Tania Alves, do Fogón do Mercado, impartirá este taller o vindeiro mércores 19 de xuño de 11.00 a 13.00 horas
Abertas as inscricións na web do mercado
O Mercado de Tomiño pon punto e final á primavera compartindo experiencias e coñecemento. A vindeira semana acolle a celebración do terceiro taller da programación trimestral posta en marcha pola Asociación de Praceiros e Praceiras do Mercado de Tomiño en colaboración co Concello para achegar a praza de abastos e os seus postos ao público dun xeito diferente e dinámico.
No camiño pola posta en valor dos produtos locais e de calidade, o vindeiro mércores 19 de xuño, o público porase mans á masa co obradoiro de reaproveitamento alimentario impartido por Tania Alves, do Fogón do Mercado. Un taller aberto a todos os públicos no que as e os participantes aprenderán técnicas e estratexias para reducir o desperdicio de alimentos nos fogares, aproveitando ao máximo e dun xeito creativo os restos de comida.
O taller terá un total de tres horas de duración, impartirase de 11.00 a 13.00 horas e está aberto a todos os públicos. O obradoiro terá un custe de 10 euros por persoa e todas aquelas interesadas en participar poden xa inscribirse a través do formulario habilitado na web do Mercado.