A rapazada de Tomiño poderá desfrutar de balde durante todo o verán do “Punto Fortaleza” no río de Goián Esta iniciativa, que abriu as súas portas no mes de xuño, estará dispoñible ata finais da temporada estival

Dende principios de verán, Tomiño conta cun lugar no que nenas, nenos e adolescentes poden divertirse, deixar voar a súa imaxinación mentres xogan ou aprender valores tan importantes como o de compartir.

O Punto Fortaleza, situado á beira do río de Goián, é unha iniciativa impulsada polo Consello da Infancia e a Adolescencia de Tomiño, “Voces Novas”, que pretende crear así un espazo no que a rapazada se poida divertir á par que aprender valores tan importantes como o de compartir.

Ao ser un lugar libre e destinado ao desfrute de todas e todos, é moi importante que aquelas persoas que asistan sigan unha serie de normas como deixar todo recollido ou devolver aqueles xogos que se sacan á praia. Ademais, é relevante destacar tamén que o Punto non conta con vixilancia, polo que as nenas e os nenos que acudan deberán facelo cun acompañante.

O Espazo Fortaleza, que comezou a funcionar no mes de xuño, estará aberto tódolos días do verán, facendo deste xeito honra ao seu obxectivo principal de propiciar á infancia e mocidade un espazo no que poder reunirse e xogar de forma libre e gratuíta.

A rapazada que se achegue terá a oportunidade de xuntarse alí cos seus amigos e amigas, así como de xogar, ler, ou facer manualidades, entre outras múltiples opcións.

Ademais, dende “Voces Novas” queren achegar o mellor servizo posible, motivo polo cal dan múltiples opcións para comunicar as suxestións ou avisos, tales como deixalas no caixa de suxestións situada no Punto Fortaleza, enviarlles unha mensaxe privada por Instagram ou meter a petición na aplicación de Meu Concello.