A rapazada tomiñesa devolveralle a voz á soprano Esperanza Mara no espectáculo ‘Xogando coa música’

A rapazada tomiñesa devolveralle a voz á soprano Esperanza Mara no espectáculo ‘Xogando coa música’

Contacontos interactivo este xoves 20 de xullo ás 19.30 horas na Praza da Mina. De balde

A Praza da Mina convértese este xoves 20 de xullo no escenario dun novo espectáculo dirixido a público infantil e familiar. A soprano Esperanza Mara chega a Tomiño con ‘Xogando coa música’, un contacontos interactivo que busca promover a expresión oral e escrita de nenos e nenas a través da música como vehículo educativo.

A través deste conto, a rapazada acompañará a unha soprano que tivo a desgracia de que un neno se rira dela nunha actuación e perdera a capacidade de cantar. Nenos e nenas terán que axudala a recuperar a súa voz a través dunha serie de actividades interactivas que lle devolvan a ilusión e vontade de cantar.

Licenciada en Canto Lírico e Violonchelo e cun Máster en Canto e outro en Investigación Musical, Esperanza Mara é unha artista e creadora multidisciplinar que actuou nas máis prestixiosas salas e teatros de España, Portugal e Francia. A través de Emanarte promove e divulga a música clásica en diferentes formatos e para diversos públicos, buscando ademais a fusión con outros estilos.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima a toda a rapazada a participar neste contacontos e “mergullarse no marabilloso mundo da música clásica e o canto dun xeito divertido e entretido”.

Actuación ao abeiro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra.