A Real Federación Galega de Motonáutica e Fibralar asinan un convenio de colaboración O acordo servirá para consolidar e expandir o campionato inclusivo, un proxecto que procura facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte

Este mércores tivo lugar na Casa do Concello de Tomiño a sinatura dun convenio de colaboración entre a Real Federación Galega de Motonáutica e a empresa operadora de internet e móbil Fibralar. O acordo pretende potenciar a implantación do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica —que pasará a chamarse Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica—,  un proxecto pioneiro que procura facilitar a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte.

“Hoxe é un día histórico para o deporte inclusivo, é un pracer asinar este convenio que contribuirá na mellora do sistema loxístico, así como tamén na prevención fronte ao Covid-19 durante a celebración dos campionatos”, declarou o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández. Pola súa parte o xerente de Fibralar, Rafael Fernández, agradeceu a colaboración das institucións e resaltou a importancia do papel social que este acordo significa. “Queremos aportar o noso gran de area para contribuír á inclusión na nosa sociedade”, declarou.

A alcaldesa de Tomiño e o concelleiro de Deportes, Sandra González e Francisco Campo, congratuláronse ante esta colaboración, á cal definen como “enormemente positiva para o establecemento dunha sociedade máis inclusiva” unha prioridade que todos os gobernos deberían fixar na súa axenda.

O campionato naceu no ano 2016 logo dunha primeira proba realizada no Espazo Fortaleza da vila tomiñesa de Goián o ano anterior que serviu como xerme, e que este ano vai camiño da súa sexta edición. “Este ano a competición vai dar un salto cualitativo moi importante, así que animamos á xente con diversidade funcional a que se interesen e se atrevan a probar este deporte”, comentou Marcos Casaleiro, secretario da Federación.

A organización espera que este convenio sirva para expandir e difundir o deporte noutras comunidades, así como consolidar e aumentar o número de probas do campionato galego, que segundo o vocal da Federación, Carlos Alberto Estévez, se duplicarán este ano pasando de 5 a 10, á espera de que se confirme a realización de outras dúas probas máis en Ares e Ribadeo, onde participan máis dunha vintena de equipos. “Esperamos que pouco a pouco haxa probas en cada vez máis localidades galegas e cada vez se vaia sumando máis xente”, declarou Estévez.

O campionato dará comezo o vindeiro 27 de marzo coa primeira proba, que se realizará en Baiona. Desde a Federación animan á xente a interesarse e participar, e lembran que periodicamente se ofertan cursos abertos para obter e renovar as licencias de navegación, facilitando deste xeito o achegamento de cada vez máis xente a este deporte.