A reforma do auditorio de Goián chega ao seu ecuador

A reforma do auditorio de Goián chega ao seu ecuador As obras teñen por obxectivo mellorar equipamento técnico e cuberta. O Concello priorizou os traballos de interior para recuperar a actividade normal do auditorio na maior brevidade de tempo

As obras de mellora no auditorio de Goián chegan ao seu ecuador. O Concello está a levar a cabo traballos de reforma tanto na cuberta do edificio como nas propias instalacións interiores co obxectivo de adecualas ás actuais necesidades de uso. Precisamente para poder retomar a actividade habitual no auditorio á maior brevidade de tempo posible, dende a Concellaría de Obras deuse prioridade aos traballos realizados no interior do auditorio e que afectan directamente á zona de escenario, butacas e cabina de control.

Deste xeito levouse a cabo unha ampliación do escenario, retirando as escaleiras situadas ao fondo, xa innecesarias trala creación dun novo acceso lateral na intervención realizada no 2015 no edificio para habilitar os espazos necesarios para a creación da Escola de Música. Xa se instalou o novo pavimento de madeira e se están a realizar os trabalos de pintado. Ademais, tamén se está a levar a cabo unha ampliación da cabina de control, coa que se permitirá aos técnicos ter unha referencia directa do que acontece no escenario.

Estes traballos están sendo acompañados dunha mellora do equipamento técnico das instalacións, tanto na iluminación como no son e no audiovisual. Instaláronse luminarias tipo LED a ambos lados do escenario e dende a parte superior da parede frontal da cabina que permitirá iluminar cada un dos recunchos do espazo. No eido audiovisual, estase a substituír o sistema de proxección para axeitalo a diversas funcionalidades e un novo equipo de son garantirá unha cobertura homoxénea en todo o salón.

Por outro lado, novos carrís permitirán a mobilidade da estrutura de aluminio sobre a que se dispoñen os elementos escénicos como cortinas ou panos, permitindo o seu desprazamento inmediato durante as actuacións. “Con estas obras conseguimos que o escenario poida adaptarse facilmente aos distintos usos que ten na actualidade e mellorar notablemente a calidade das actuacións, facilitando ademais o traballo do persoal técnico”, salienta o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez.

As obras rematarán no exterior completando a impermeabilización do edificio a través da intervención na cuberta do auditorio.

O proxecto de mellora conta cun orzamento total de 110.000 euros que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.