Anxo Otero, gañador dos III Premios Xardín Galego de acuBam e AGAEXAR

A riqueza e exuberancia vexetal dun xardín privado do Grove, gañadora dos III Premios Xardín Galego O autor, Anxo Otero, recolleu este mércores o galardón. O deseño dun xardín en Vilela de Rosa Aricia Rodríguez e o xardín vertical da nova sede da Zona Franca de Vigo de Pintega Xardíns obtiveron o segundo e terceiro premio

Gran nivel de participación na terceira edición dos Premios Xardín Galego que cada ano conceden a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR) e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) para recoñecer e difundir actuacións exemplares en traballos de xardinería pública e privada, poñendo en valor o sector, promovendo a innovación e promocionar a xardinaría.

O xardín privado no Grove deseñado por Anxo Otero foi elixido polo xurado como gañador desta terceira edición pola prioridade absoluta da riqueza e a exuberancia vexetal con resultados extraordinarios, “un magnífico proxecto en toda a súa concepción e desenvolvemento”. O seu crecemento e a enorme variedade das imaxes presentadas amosa a beleza de cada un dos recunchos deste espazo no que o autor escolleu unha extraordinaria selección de especies e de composición. Como destacaron os membros do xurado, neste proxecto “un deseño inicialmente sinxelo obtén un resultado sorprendente grazas á axeitada elección de especies e a un deseño de plantación naturalista”.

Rosa Aricia Rodríguez obtivo o segundo posto coa súa proposta para un xardín en Vilela, en Verín, “un proxecto que roza a perfección en todos os sentidos, pola espectacular elección de especies, a espectacular proposta de deseño e orixinalidade no proceso creativo e pola marabillosa composición vexetal”. O xurado resaltou a combinación de forma equilibrada de técnicas de construción de xardíns modernos e dun deseño naturalista, o que deu como resultado un xardín “que nun principio podería resultar convencional pero que se ve agradablemente enriquecido pola combinación de especies”.

O terceiro premio desta nova edición dos galardóns de acuBam e AGAEXAR recaeu en Pintega Xardíns polo seu xardín vertical na nova sede da Zona Franca de Vigo. Esta proposta acadou o terceiro posto pola súa “boa mostra de xardín vertical cunha correcta selección de especies e cunha moi boa composición vexetal que ofrece un conxunto harmónico. É unha proposta esteticamente impecable na que a técnica e a tecnoloxía adquiren un gran protagonismo”.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez; o presidente de AGAEXAR, Víctor Pérez; autoras e autores das propostas gañadoras así como o resto de empresas e persoas autónomas participantes no certame estiveron no acto de entrega de premios que se celebrou este mércores no salón de plenos do Concello de Tomiño. A entrega arrancou cunha interesante charla do fundador e CEO de Fliwer, Marc Capilla, que explicou ao público asistente como as novas tecnoloxías van revolucionar o mercado da xardinaría e da agricultura, os beneficios que lles poden achegar ou como comezar a implantalo coa axuda dos fondos europeos Next Generation para a dixitalización.

Durante o acto tamén se presentou a cuarta edición dos Premios Xardín Galego, nos que de novo valoraranse os traballos que dean prioridade ao uso de material vexetal fronte a materiais inertes, nos que teña preferencia o material vexetal producido en Galicia, os criterios de sustentabilidade aplicados á obra, así como a creatividade, a orixinalidade, a composición vexetal, a combinación de especies ou a textura e a cor. As persoas interesadas poderán presentar os seus traballos ata o vindeiro 31 de marzo de 2023.