A segunda edición de Creando Rural remata con 3.300 votos do público Os colexios Mestre Manuel Garcés (Tomiño); San José (Gondomar); As Solanas (A Guarda) e Serra de Vincios (Gondomar), foron os  gañadores do concurso escolar posto en marcha por Eu Rural

Gran resposta de participación na segunda edición do concurso escolar Creando Rural, posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural co obxectivo de implicar a novos colectivos na difusión e animación  do desenvolvemento rural e da Medida Leader entre a poboación residente no ámbito territorial do Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR 14) (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui).

En total, 10 aulas de 7 centros escolares de 5 municipios do territorio presentaron os seus proxectos a concurso para participar nalgunha das dúas categorías aberta, educación infantil e primaria. Os colexios participantes foron, por concellos:

  • Gondomar:
    • CEIP Serra de Vincios
    • Centro de Educación Infantil San José
  • A Guarda:
    • CEIP Plurilingüe As Solanas
  • Nigrán:
    • CEIP Mallón
  • Redondela:
    • CEIP de Laredo
    • CEIP Plurilingüe de Quintela
  • Tomiño:
    • CRA Mestre Manuel Garcés – Escola da Aurora

 

Proxectos gañadores

Á numerosa participación hai que sumarlle o éxito de resposta do público na votación popular, xa que se recibiron un total de 3.291 votos. De estes, 2.582 foron para a categoría de educación infantil e outros 709 para a categoría de primaria. Así, as aulas gañadoras por votación popular foron:

  • 6º EI Centro de Educación Infantil San José (Gondomar) – categoría educación infantil
  • 1º EP CEIP Plurilingüe As Solanas (A Guarda) – categoría educación primaria

Por outra banda, debido á calidade dos proxectos presentados a concurso na categoría de educación infantil, o tribunal decidiu por unanimidade outorgar dous premios ex aequo para recoñecer o gran traballo levado a cabo polo alumnado e profesorado participante. A estes dous premios hai que sumarlle o da categoría de educación primaria. As clases gañadoras da votación do xurado foron:

  • 3 e 6ºEI CEIP Plurilingüe As Solanas (A Guarda) – categoría educación infantil
  • CRA Mestre Manuel Garcés – Escola da Aurora (Tomiño) – categoría educación infantil
  • 2ºEP CEIP Serra de Vincios (Gondomar) – categoría educación primaria

 

Como premio os gañadores da categoría infantil realizarán unha excursión dun día de duración á Granxa Escola Corazón de Carballo, situada en Tomiño, o vindeiro 15 de maio. Mentres, pola súa parte, os vencedores na categoría de educación primaria visitarán o 28 de maio o centro de actividades na natureza FervenzAventura, en Silleda.

Ademais, as aulas gañadoras recibiron este martes os parabéns e un diploma acreditativo de mans dos alcaldes e alcaldesa dos seus concellos. Así, o rexidor da Guarda Antonio Lomba acudiu acompañado da concelleira de Cultura, Educación e Xuventude, Elena Baz, ao CEIP Plurilingüe As Solanas, gañador de dous premios; a alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, Sandra González, felicitou aos gañadores do CRA Mestre Manuel Garcés-Escola da Aurora; e Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar, visitou aos vencedores do centro de educación infantil San José e do CEIP Serra de Vincios.

Dende a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural quérese dar a noraboa a todos os gañadores e gañadoras do concurso e agradecer a todos os centros escolares que se presentaron a súa participación e implicación no proxecto. Un agradecemento que se fai extensible tamén a todos aqueles docentes que se inscribiron para participar coa súa aula nesta segunda edición de Creando Rural pero que por diferentes motivos non puideron presentar os seus traballos finais a concurso.