A tomiñesa Verónica Fernández gaña o concurso de deseño do Día de Rosalía

A tomiñesa Verónica Fernández gaña o concurso de deseño do Día de Rosalía A imaxe estampouse en bolsas de tea que se repartirán ata fin de existencias durante o concerto-homenaxe á autora este mesmo 23 de febreiro no Mercado de Tomiño

A tomiñesa Verónica Fernández gaña o concurso de deseño do Día de RosalíaUn incrible debuxo en branco e negro da propia Rosalía de Castro rodeada de música e enmarcada nunha Galicia perfilada polas súas obras e as súas verbas. Esa é a proposta gañadora do concurso de deseño posto en marcha polo Concello de Tomiño para conmemorar o Día de Rosalía, unha fermosa obra realizada pola tomiñesa Verónica Fernández González inspirada na obra e figura da autora galega máis universal e que obtivo ata 23 puntos do xurado.

Apaixonada da escritora galega e da poesía dende que era pequena, Verónica Fernández inspirouse “no gran cariño que Rosalía lle tiña a Galicia. Na súa obra fala de lugares, das xentes, da cultura e da vida cotiá, por iso tentei representala rodeada das verbas que recollen os seus poemas cun libro nas mans co seu propio nome que representara a obra que nos deixou como legado”. Desbotando unha primeira idea de sentar á escritora “sobre un carballo representando as nosas raíces”, Verónica colocou  tamén arredor de Rosalía de notas que recolleran “a paixón e tradición pola música na nosa terra”.

A tomiñesa Verónica Fernández gaña o concurso de deseño do Día de RosalíaA gañadora, veciña de Taborda, obtivo un vale por valor de 100 euros que xa ten pensado investir en novos libros “de todos os tipos e algún da propia Rosalía que aínda non tiña”. Ademais, o deseño foi estampado en bolsas de tea que serán repartidas de balde ata fin de existencias durante o concerto homenaxe que se celebrará este mesmo 23 de febreiro a partir das 19.00 horas no Mercado de Tomiño e que contará coa lectura de poemas musicalizados da man de Saraghallada.

Entre as propostas finalistas, o segundo posto foi para un deseño tan divino como humano de Iria Moure de Santiago coa figura de Rosalía de Castro e o lema ‘Nasin cando as prantas nasen’, mentres que o terceiro lugar foi por un primeiro plano co bosquexo do retrato da escritora sobre fondo azul e as palabras ‘Miña Terra’ de Nandi de Santiago.

A alcaldesa, Sandra González, traslada os seus parabéns á gañadora e agradece “a todas esas persoas que participaron coas súas fermosas e máis diversas propostas e que demostran unha vez máis que estamos nunha comarca con grandes creadores e creadoras no que a arte ten un valor importante”.