A violencia, o bullying e a desprotección en internet, entre as principais preocupacións do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño O órgano de participación infantil e xuvenil analiza a realidade e propón ao Concello medidas para combater os problemas que afectan a este sector da poboación

“A violencia está normalizada na sociedade; o bullying é unha reprodución da violencia entre a xente nova e existirá mentres vivamos nunha sociedade violenta; as campañas non teñen un enfoque realista e fanse sen contar coa opinión das mozas ou mozos”. Son algunhas das interesantes conclusións ás que chegaron os e as integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño ‘Voces Novas’, nas súas xuntanzas de traballo.

O órgano de participación infantil vén de facer entrega á concelleira da área de Mocidade, Fátima Rodríguez, dunha serie de propostas para conseguir espazos públicos máis seguros, loitar contra o acoso escolar, traballar a prol do medio ambiente, etc.

Entre as propostas específicas feitas polos mozos e mozas do colectivo figuran “facer campañas sobre os perigos que carrexa a violencia, ofrecer información sobre o bullying “pero dende o noso punto de vista”; educar na tolerancia ás distintas minoría étnicas, de xénero, relixiosas, etc.; facer campañas adicadas ás persoas adultas (profesores, nais, pais, profesionais da saúde…) con persoal cualificado e realizar guías  de actuación para persoas adultas, educadores e persoas que sofren acoso, o presencian ou o exercen. “É preciso empatizar tamén coa persoa que fai bullying e non só coa que o recibe”, advirten. No mesmo sentido se refiren no que ao deseño de campañas se refire: “Pedimos que non se fagan dende unha perspectiva adultocéntrica; estaría ben que nos deran a oportunidade de valorar as propostas que se vaian a realizar sobre estes temas”.

Outro tema analizado polo grupo é o dos espazos seguros. Chama a atención neste eido que os representantes da poboación infantil e xuvenil aseguran sentirse desprotexidos, as veces, tanto nas rúas (de noite ou madrugada) coma na internet. Coma proposta concreta, piden clases gratuítas de autodefensa, máis educación en valores, maior implicación da poboación adulta e cursos, de balde, de seguridade na rede; obradoiros para favorecer a autoestima e creación de “puntos seguros coa colaboración de bares, comercios, etc.

Outra preocupación de interese para o colectivo é o do coidado do medio ambiente, ofrecéndose a colaborar na difusión das accións de concienciación que se leven a cabo no ámbito local.

Estas propostas servirán para a redacción do 2º Plan da Infancia e da Adolescencia que está a traballar O Concello de Tomiño. “A creación deste ente ten unha importancia fundamental para afondar na implantación de mecanismos de participación da infancia e a adolescencia, non só por poder contar cunha comunicación directa coas institucións autonómicas que amplifique a voz da mocidade, senón tamén pola oportunidade de compartir experiencias, propostas e iniciativas entre os distintos consellos existentes en Galicia e tamén noutros lugares do Estado”, declarou Fátima Rodríguez, concelleira de Mocidade e Participación Infantil.

Tomiño forma parte, dende hai catro anos, da rede Cidades Amigas da Infancia promovida por UNICEF, xunto a outras 273 localidades de España, cuxos gobernos locais situaron á infancia no centro das súas políticas públicas e deron voz aos sectores de poboación máis novos. Coa consecución do 2º Plan da Infancia e da Adolescencia, Tomiño tentará revalidar por outros 4 anos o selo de UNICEF.