Abertas as inscricións para os ‘Xogos Eurocidade – Sen Fronteiras’

Abertas as inscricións para os ‘Xogos Eurocidade – Sen Fronteiras’ A iniciativa, gañadora do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023, celebrarase os días 10 e 11 de xuño

A mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño poderá gozar dunha fin de semana marcada pola diversión deportiva e a celebración dos valores europeos. Os vindeiros 10 e 11 de xuño, o Skate Park de Goián, en Tomiño, e o Centro Municipal de Atletismo de Vila Nova de Cerveira serán os escenarios dos ‘Xogos Eurocidade – Sen Fronteiras’. O proxecto está dirixido a mozos e mozas de 12 a 25 anos e as persoas interesadas poden inscribirse xa a través do formulario na web da Eurocidade Cerveira-Tomiño.

Inspirado na idea de Charles de Gaulle, que en 1965 creou a 1ª edición dos Xogos Sen Fronteiras que marcaría varias xeracións do século pasado, os ‘Xogos Eurocidade – Sen Fronteiras’ é un dos proxectos gañadores da edición 2023 do Orzamento Participativo Transfronteirizo. Ademais de promover a implicación da mocidade en actividades deportivas e de lecer, este evento mantén os obxectivos de fomentar a amizade, o compartir, a unión e a solidariedade entre os mozos e mozas de ambos concellos veciños a través de xogos tradicionais e/ou probas típicas dese célebre evento europeo, adaptados aos recursos e deportes máis actuais.

A mocidade participante formará equipos que, ao longo de dous días, competirán nun conxunto de desafíos, acumulando puntuacións para atopar o equipo gañador. Haberá torneo de tracción de corda, inchable de futbolíns humanos, xogo da illa e xogo big bags, xincana de bicicletas, tiro de tiratacos, inchable basket challenge, xogos tradicionais, xogo do pneumático, xogo do pé atado, xogo do ovo na culler, xogo da malla, Fun Games, paintball eslide.

A participación é de balde. As persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición a través da web da Eurocidade Cerveira-Tomiño ata o día 31 de maio.

Este proxecto gañador do OPT Cerveira-Tomiño 2023 asume un forte compromiso en contribuír ao logro das metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas (ODS), nomeadamente no ámbito da Saúde de Calidade, que establece que, ata 2030, debe haber unha redución dun terzo da mortalidade prematura por enfermidades non transmisibles a través da prevención e tratamento, e unha maior promoción da saúde mental e benestar, así como reforzar a prevención e o tratamento do abuso de substancias, incluíndo o abuso de drogas e o uso nocivo do alcohol.

O proceso participativo da Axenda para a Mocidade integra o proxecto “0780_AMIZADE_1_P”, cofinanciado nun 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea.