Aberto dende hoxe o prazo para solicitar praza nos campamentos de verán e campos de voluntariado Dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil de Tomiño, recomendan solicitar as prazas o antes posible, xa que adoitan esgotarse con rapidez

A partir de hoxe, mércores, 19 de maio, ás 9.00 horas, poderase solicitar praza para os Campos de Voluntariado 2021. Os campos de Galicia son para mocidade con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Noutras comunidades hai algunha praza para persoas a partir dos 16 anos.

No enlace http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran, no apartado Campos de Voluntariado, pode atoparse toda a información relativa á actividade e o formulario para solicitar as prazas.

Ao mesmo tempo, ábrese o prazo para solicitar prazas nos CAMPAMENTOS DE VERÁN 2021 da Xunta de Galicia. Respecto das idades mínima e máxima, para poder participar nesta Campaña de Verán 2021, cómpre destacar:

  • As persoas nacidas no ano 2003 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
  • As persoas nacidas no ano 2012 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.

Dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño, recomendan solicitar as prazas o antes posible, xa que adoitan esgotarse con rapidez.