Aberto o prazo de inscrición para o certificado oficial de Competencias Dixitais da Xunta A Aula CeMIT de Tomiño acollerá no mes de xuño un exame presencial para obter esta titulación

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de abrir o prazo de inscrición no curso de teleformación para a obtención do certificado oficial de competencias dixitais en ofimática expedido pola Xunta de Galicia. Os interesados e interesadas en obter unha das 180 prazas dispoñibles para este curso preparatorio deberán inscribirse na web da rede CeMIT ata o vindeiro luns 29 de xaneiro ás 14.00 horas.

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia para, a finais de maio, facer un exame presencial descentralizado como mínimo nunha localidade por provincia.

Non será a única oportunidade para obter este certificado, xa que en xuño a Aula CeMIT de Tomiño acollera un novo exame presencial para persoas que quedaron fóra das prazas deste curso, para as persoas que se queiran preparar por libre ou para as que asistan aos cursos presenciais que se realizarán na aula tomiñesa.

Para calquera información pódese chamar ao 986623304, enviar un correo electrónico a cemit.tomino@xunta.gal ou achegándose ata a aula CeMIT de Tomiño, situada no parque do Campo da Feira.

A sorteo

Os interesados en participar neste curso en modalidade de teleformación con titorías de apoio deberán de contar cun ordenador persoal e conexión a internet. Unha vez finalizado o prazo de inscrición realizarase o sorteo público de extracción de letras dos apelidos para establecer a prelación por orde alfabética e publicarase a relación provisional de persoas admitidas e o das reservas.

As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data de publicación na web a taxa de 10,20 euros correspondentes aos dereitos de exame. Aqueles aspirantes que non aboen a taxa quedarán excluídos do curso.