Aberto o prazo para solicitar as subvencións dirixidas a entidades sen fin de lucro para actividades sociais, culturais e deportivas, e deportistas individuais Tras a crise sanitaria, reinícianse os prazos para a presentacion de solicitudes a partir de mañá, 3 de xuño, e até o 3 de xullo deste ano

A partir de mañá, estará aberto o prazo para solicitar as subvencións municipais dirixidas a entidades sen fin de lucro que desenvolven ao longo de 2020, actividades sociais, culturais e deportivas, así como para deportistas individuais.

As bases para optar ás axudas correspondentes ao exercizo 2020, foron publicadas no BOPPP do 16 de marzo pasado, pero os prazos suspendéronse como consecuencia da crise sanitaria, polo que reinícianse os prazos para a presentacion de solicitudes a partir de mañá, 3 de xuño, e até o 3 de xullo deste ano.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na Sede Electrónica do Concello (www.tomino.gal), ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

As entidades de carácter social, cultural ou deportivo interesadas en optar á concesión das subvencións, deberán solicitalo mediante a presentación da seguinte documentación:

• Formulario 1: Impreso oficial de solicitude, que irá acompañado da documentación que nel se indica.

• Formulario 2: Certificación do acordo de solicitude, nomeamento de representante para as relacións co Concello e número de persoas socias.

• Formulario 3: Certificación dos datos bancarios da entidade (selado pola entidade bancaria).

A través destas axudas, o Concello de Tomiño investirá 100.000 euros para apoiar e promover todas aquelas actividades que repercutan no desenvolvemento do municipio e que contribúan ao fomento dos intereses dos veciños e veciñas do municipio, en especial ao benestar social da cidadanía, á promoción da cultura e ao fomento do deporte.

Axudas deportivas

O goberno municipal destinará 45.000 euros a entidades sen fin de lucro e deportivas individuais, coa finalidade de fomentar a práctica deportiva, a participación en competicións oficiais e o desenvolvemento de actividades deportivas durante todo o ano.

Neste caso serán subvencionales os gastos federativos correspondentes á tempada, os gastos de arbitraxe, os de transporte e aloxamento relacionados coa asistencia a competicións deportivas, os de mutualidades e seguros, os de material deportivo de carácter funxible ou de carácter inventariable e os gastos de equipamento e vestimenta deportiva. Cando a subvención sexa solicitada para deportistas individuais de Tomiño, estes terán que ser recoñecidos a nivel galego, estatal ou internacional.

Subvencións culturais

O Concello de Tomiño tamén destinará un orzamento de 40.000 euros a axudas municipais a entidades sen fins de lucro, para a realización de actividades culturais durante o ano 2020, co propósito de contribuír ao desenvolvemento de proxectos ou actividades culturais que fomenten os intereses xerais ou sectoriais da veciñanza, con especial atención á promoción e recuperación da cultura e tradicións locais.

As axudas neste eido estarán destinadas á realización de actividades das asociacións culturais, veciñais e xuvenís, a actividades de recuperación e difusión do patrimonio cultural; de promoción dos produtos agrícolas e gastronómicos da zona; recuperación de espazos naturais ou de lecer e outros proxectos de especial interese cultural e social.

Porén, queda especificamente excluído o uso destas axudas para a adquisición, reparación ou mantemento de bens de inmobilizado, gastos correntes, celebración de festas parroquiais, etc. que non estean directamente vinculados á actividade obxecto da subvención; así como para saldos debedores das contas bancarias, de procedementos xudiciais, impostos, recargas e sancións administrativas.

Actividades sociais

O Concello destinará 15.000 euros para subvencións a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades que promovan o benestar social da cidadanía a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá dentro do ámbito dos Servizos Sociais durante o 2020.

A través destas axudas o Concello pretende axudar a financiar os gastos de proxectos de atención á discapacidade e aos menores; apoio á dinámica familiar, voluntariado social, atención á toxicomanía, prevención de situacións de violencia intrafamiliar, promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, atención á inmigración e a minorías étnicas e outros proxectos de especial interese social nos que estea xustificada a financiación municipal.

Bases completas neste enlace:

https://boppo.depo.gal/detalle/-/boppo/2020/03/16