Alcaldes do Baixo Miño e Zona Franca concretan as liñas de traballo do informe estratéxico sobre o sector agrícola no Baixo Miño O informe busca impulsar unha das actividades da comarca con maior relevancia e potencial, pero con grandes retos e desafíos

Delegado de Estado da Zona Franca de Vigo e alcaldesas e alcalde de Tomiño, O Rosal e A Guarda mantiveron este xoves unha nova reunión na que concretaron as liñas de traballo a desenvolver no informe estratéxico sobre a actividade agrícola no Baixo Miño, que ten por obxectivo favorecer o impulso dunha das actividades da comarca con maior relevancia e potencial, pero tamén con grandes retos e desafíos ante o novo paradigma económico.

O estudo incluirá unha diagnose da situación real, unha análise das oportunidades e ameazas da contorna económica actual e futura, así como as debilizades e fortalezas do sector. Analizaranse exhaustivamente casos de éxito noutras rexións do mundo que poidan resultar inspiradores e, finalmente, concretaranse liñas de acción para o impulso definitivo do sector.

Colaborarán neste estudo, que se porá en marcha de xeito inmediato, AcuBam, asociación que aglutina as empresas da comarca que traballan no agro (hortícolas, produtoras de flor cortada e viveiros, empresas auxiliares e transporte) e técnicos do Consorcio.

Os alcaldes do Baixo Miño puxeron de manifesto o excelente punto de partida para o estudo. E é que nos concellos, produtores e outras empresas da cadea de valor respaldan de forma unánime o proxecto e están decididamente implicados no esforzo conxunto.

Pola súa parte, Zona Franca destaca a necesidade de levar a cabo accións e programas de calado, que teñan un impacto real no desenvolvemento económico e social das comarcas e que proporcionen aos habitantes do rural un medio de vida digno que permita as xeracións presentes e futuras seguir crecendo no seu territorio.