Alfonso Ferreira esperta o amor polo Camiño de Santiago entre a cativada no ‘Outono de libros’ de Tomiño

Alfonso Ferreira esperta o amor polo Camiño de Santiago entre a cativada no ‘Outono de libros’ de Tomiño Estará este venres 13 no mercado municipal de Tomiño coa súa última creación, ‘Ruliña no Camiño’. Ás 20 horas, de balde

O ‘Outono de libros’ desembarca de novo esta semana en Tomiño cunha nova proposta para todos os públicos. O Camiño de Santiago será o gran protagonista nesta segunda sesión o venres 13 de outubro, na que o escritor porriñés Alfonso Ferreira Ramilo presentará a súa última creación ‘Ruliña no Camiño’, unha historia chea de aventuras coa que espertar especialmente entre a rapazada o amor pola ruta Xacobea.

Como explica o autor, ‘Ruliña no Camiño’ é froito da pandemia e do confinamento, durante o que lle xurdiron moitas ideas e sentimentos que plasmou nesta nova obra que achega a cativos e cativas ao Camiño de Santiago dun xeito distinto, recollendo lugares senlleiros e reflectindo o seu amor pola natureza e a súa vida como peregrino.

O libro recolle a historia de Ruliña, que acompaña á súa nai e ao seu pai a facer o Camiño de Santiago. O que ía ser unha ruta máis, secada aburrido para a protagonista, ao pouco de comezar tornouse nalgo marabilloso e divertido no que descubriu un Camiño cheo de aventuras, beleza, maxia… un camiño tamén pensado para os máis pequenos e pequenas da casa.

O Concello de Tomiño puxo en marcha por segundo ano consecutivo o ‘Outono de libros’, unha iniciativa a través da que durante todo o mes de outubro se presentarán ao público títulos literarios da man dos seus autores e autoras, todos e todas escritores da comarca e con obras ambientadas no territorio.

A sesión deste venres 13, dirixida a todos os públicos, será de balde e celebrarase a partir das 20.00 horas no Mercado Municipal de Tomiño.