Alumnado de francés do IES Antón Alonso Ríos mergúllase na vida parisina

Alumnado de francés do IES Antón Alonso Ríos mergúllase na vida parisina O Departamento de Francés do centro educativo recupera a viaxe didáctica a Francia tras tres anos de pandemia

63 estudantes e 4 docentes participaron nunha saída na que tiveron a oportunidade de vivir un momento histórico de mobilización social no país veciño

Mergullarse na cultura, na vida e na sociedade francesa, coñecendo de primeira man a realidade do país veciño e completando a formación recibida nas aulas. Ese era o obxectivo da viaxe a París organizada polo Departamento de Francés do IES Antón Alonso Ríos, cunha actividade didáctica a través da que 63 estudantes de 3º e 4º da ESO e de 1º de Bacharelato acompañados por 4 docentes gozaron da rúas parisinas mentres “desenvolvían os contidos comunicativos e socioculturais que se traballan na aula, contribuíndo á formación integral do alumnado”, como sinala Mar Cobeta, xefa do departamento.

Comezaban así unha inesquecible viaxe que se retomaba tras tres anos de pandemia e que puido facerse realidade grazas á colaboración e implicación da comunidade educativa, ANPA e Concello de Tomiño. Con moito entusiasmo, mozos e mozas prepararon e gravaron os podcast coas presentacións das visitas para facer de guías dos seus propios compañeiros e compañeiras e descubrir por eles mesmos os lugares máis representativos de París.

Quedaron impresionados pola visita da Conciergerie, o pazo máis antigo de París, cárcere na revolución e antesala da guillotina. “Entraron nas celdas de María Antonieta e Robespierre e comprobaron a interminable lista de persoas condenadas polo Tribunal Revolucionario”, explica Cobeta. Pero tamén descubriron o animado e bulicioso Barrio Latino, a Universidade da Sorbona, o Panteón e os xardíns de Luxemburgo.

 

Na súa estancia tamén se sorprenderon coa peculiar arquitectura do Museo de Arte Moderno de París, o centro George Pompidou, e tiveron a ocasión de participar no animado ambiente do barrio de Beaubourg. Percorreron os Campos Elíseos dende o Arco do Triunfo ata a Praza da Concordia, subiron ao último piso da torre Eiffel para gozar dunha marabillosa vista de todo París e “no museo Louvre foron capaces de atopar nun tempo récord todas as obras recollidas nos seus podcast”. Unha das actividades que máis desfrutaron foi sen dúbida do cruceiro polo río Sena, “con todos os edificios emblemáticos de París iluminados e a torre Eiffel resplandecente quedaron todas e todos cativados para sempre pola maxia da Cidade da Luz”.

O último día da viaxe visitaron Versalles, que puideron percorrer con audioguías e en bicicleta grazas á colaboración do Concello. Coñexeron o pazo e pasearon en bici polos seus inmensos xardíns, de gran beleza e suntuosidade, que as e os trasladaron directamente aos séculos XVII e XVIII.

Cinco intensos días nos que rapaces e rapazas achegáronse dunha forma directa e divertida ás intrigas de palacio das que foron testemuña os muros do Pazo de Versalles, ao papel no desenvolvemento da democracia dalgúns edificios emblemáticos da capital francesa ou ás razóns polas que París coñécese como a Cidade da Luz, “unhas leccións inesquecibles na que para moitos e moitas das participantes foi a súa primeira viaxe internacional”. E non podía faltar o lecer, xa que por primeira vez dentro desta actividade didáctica puideron visitar Eurodisney e desfrutar dos espectáculos nocturnos e dos famosos fogos artificiais do emblemático parque de atraccións.

Tras a experiencia, alumnos e alumnas regresaban a final da semana ás súas casas “esgotados pero entusiasmados despois dunha intensa e produtiva viaxe a París na que puideron coñecer o máis representativo da cidade e vivir tamén de primeira man o momento histórico de mobilización social en Francia”.

 

Dende o Concello quérese agradecer o traballo e esforzo do Departamento de Francés para realizar cada ano esta importante actividade didáctica, así como a implicación do propio IES Antón Alonso Ríos, das familias, da comunidade educativa e da ANPA para que rapaces e rapazas puideran gozar dunha experiencia única.

Pola súa banda, dende a organización quíxose salientar o compromiso de todos os participantes, profesorado e alumnado, “xa que sen ela sería imposible mover un grupo tan numeroso nunha cidade tan grande”. “Moitas grazas ás profesoras do Departamento de Francés, Natalia Cordeiro e Andrea Rodríguez; ao profesor do Departamento de Historia, David Vale; e á docente do Departamento de Física e Química, Isabel Fernández, por acompañar ao alumnado e contribuír a facer realidade esta experiencia inesquecible”, recalcan.