Alumnado de Tomiño aprende a poñer o consentimento e o respecto no centro das relacións afectivas e sexuais

Alumnado de Tomiño aprende a poñer o consentimento e o respecto no centro das relacións afectivas e sexuais

O Concello impartiu un obradoiro de sexualidade con perspectiva de xénero no IES Antón Alonso Río como parte fundamental da formación do alumnado

Mocidade e algúns pais e nais involucráronse neste programa de sensibilización, información e difusión da OMIX de Tomiño

Traballar co alumnado e as súas familias a igualdade de xénero, a prevención e o rexeitamento das violencias machistas. Ese é o obxectivo de ‘Así, si!’, un programa a través do que a OMIX de Tomiño leva a educación afectiva e sexual con perspectiva de xénero ás aulas do IES Antón Alonso Ríos. A través de varias sesións dinámicas e adaptadas ao nivel educativo, o alumnado aprendeu a poñer o consentimento e o respecto no centro de calquera relación, resolvendo dúbidas conceptuais e posibles conflitos e debates.

“É moi importante dotar á nosa mocidade de coñecementos, aptitudes, actitudes e valores neste eido e establecer así relacións sociais e sexuais respectuosas”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

‘Así, si!’ é un proxecto educativo baseado na comunicación asertiva como primeira ferramenta para construír relacións afectivas sas, baseadas na igualdade de todas as persoas, o respecto ás diversidades e o rexeitamento de calquera tipo de violencia ou das relacións de dominación-submisión.

 

A través de dinámicas de rol, xogos e outras actividades achegáronse ás mozas e mozos os recursos básicos para detectar situacións e relacións baseadas na desigualdade, así como elementos que favorezan a súa autoestima para rexeitalas ou denuncialas de ser o caso. Ademais, das 12 sesións coa rapazada, a iniciativa contou tamén coa implicación de pais e nais do alumnado participante cun obradoiro específico. Foron moi poucos os proxenitores asistentes, o que indica a necesidade de traballar para conseguir unha maior implicación das familias.

“Con este programa rapaces e rapazas repensan os estereotipos e roles de xénero tradicionais, outras formas do masculino e o feminino ou a hipersexualización dos corpos baseados nunha cultura machista e desmitificaron crenzas erróneas sobre a afectividade e a sexualidade”, explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez.

As sesións foron impartidas por unha educadora social experta en igualdade de xénero e diversidades que tamén abordou cuestións coas que fomentar as relacións afectivas baseadas no respecto mutuo ou a educación na prevención das enfermidades de transmisión sexual ou dos embarazos non desexados.