01 Out Alumnado do IES de Tomiño constrúe unha maqueta a escala da parroquia de Tomiño. A presentación do traballo será este venres (19.00 hs.) na Casa da Cultura
Este venres, 5 de outubro, ás 19:00 h, terá lugar na Casa da Cultura de Tomiño a presentación dunha maqueta a escala da Parroquia de Tomiño.
Esta maqueta a escala 1:2000 foi construída polos 120 alumnos e alumnas que cursaron 1º de ESO no IES de Tomiño durante o curso 2013 2014, como traballo da asignatura Proxecto Interdisciplinar.
A maqueta foi construída con pranchas de cartón a partir do mapa topográfico a escala 1:2000. Dividiuse a superficie de traballo en 6 pezas cunha superficie cada unha de aproximadamente 1,20 x 0,8 m. O alumnado tivo que ir marcando, unha a unha, todas as curvas de nivel que representaban o relevo da parroquia. Cunha diferenza de altitude entre curvas de 5 m, a maqueta chega a ter máis de 100 pranchas de cartón superpostas na zona que representa o alto da pedrada, de máis de 500 m de altitude.
O resultado é unha representación da paisaxe que sorprende pola súa precisión e beleza. As seis pezas que forman a maqueta ocupan xuntas unha superficie de case 9 m cadrados. Nela non so está representado o relevo, senón tamén os edificios, a vexetación e sinalización de elementos etnográficos, coma pontes, fontes, muíños, petos de ánimas,cruceiros e outros elementos de interese.
O proxecto foi promovido e financiado pola Comunidade de Montes da Parroquia de Tomiño. Despois da presentación, a maqueta poderá ser visitada durante o sábado día 4. Posteriormente, será montada no IES de Tomiño.