Amizade, amor e liberdade en Tomiño co espectáculo ‘Duncan de palleiro’

Amizade, amor e liberdade en Tomiño co espectáculo ‘Duncan de palleiro’ A compañía Lila Teatro chega o domingo 8 ao auditorio de Goián con esta obra que cativará a toda a familia

O día a día na vida dun can, pero non dun can calquera, senón dun especial que pertence a esa raza mítica, lendaria e con máis prestixio de todas, a de palleiro. Esa é a historia que contará a compañía Lila Teatro, que este domingo 8 chega ás 17.30 horas ao auditorio municipal de Goián para amosar a pequenas, pequenos e maiores o devir de Duncan de Palleiro, o príncipe das corredoiras.

Dirixido a público familiar, este espectáculo recolle a vida sinxela de Duncan ao carón do seu amo Aurelio e dos seus amigos, veciñas de sempre, nunha vila pequeniña e fermosa no medio das montañas da que se sente moi fachendoso. Duncan ama profundamente aos nenos e nenas e alí onde vai leva consigo unha grande sorpresa que non deixará a ninguén indiferente.

Unha historia de amizade e liberdade, as palabras que máis lle gustan a Duncan coa que o Concello de Tomiño abrirá o Mes do Humor. A actividade, prevista para o vindeiro mes de novembro, adiantouse a esta fin de semana por cuestións alleas á organización.

O prezo da entrada será de 1,5 euros para nenas e nenos e de 3 euros para persoas adultas. As entradas estarán á venda unha hora antes do comezo do espectáculo no despacho de billetes do propio auditorio.