Aprazada a XIX Feira de Cultivos do Baixo Miño pola previsión de choiva

Aprazada a XIX Feira de Cultivos do Baixo Miño pola previsión de choiva Celebrarase os días 14, 15 e 16 de xuño na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián coa mesma ampla programación

A Feira de Cultivos do Baixo Miño adáptase de novo ás circunstancias e ponlle ao mal tempo boa cara e moita ilusión. Por mor da previsión de choiva e das malas condicións meteorolóxicas para os vindeiros días, a cita aprazarase unha semana pero manterá a súa ampla programación ao aire libre. Así, a Praza Pintor Antonio Fernández acollerá do 14 ao 16 de xuño a décimo novena edición desta feira organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño, acuBam, e o Concello de Tomiño.

Coa sostibilidade e un sector agro máis verde, a Feira de Cultivos retomará a súa actividade a vindeira semana para achegar ao público as principais novidades dos sectores da planta, froita, flor, horta e subministros da comarca, así como un amplo programa de concertos, sesión vermú, conferencias ou unha ampla variedade de obradoiros para todas as idades.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asegura que “non deixaremos que o mal tempo nos apague a ilusión e as gañas de volver celebrar a Feira de Cultivos do Baixo Miño nun escenario único, tres días nos que reunirnos nun ambiente festivo e produtivo que nos achegue ás empresas locais e os seus produtos”. Pola súa banda, o presidente de acuBam, Francisco Campo, destacou que este cambio de datas “non impredirá que poidamos desfrutar dunha feira participativa, dinámica, aberta e lúdica na que profesionais, veciñanza e visitantes terán cabida e unha morea de actividades das que desfrutar”.

Entre o extenso programa de actividades previsto entre a que destaca, entre outras, os cinco concertos de música en directo entre sesións vermú e sesión nocturna ou as seis charlas centradas en innovación e sostibilidade impartidas por expertos no sector e por investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo. A pioneira chef tomiñesa Toñi Vicente e o recoñecido cociñeiro galego Iván Méndez volverán compartir fogóns nun showcooking na Feira de Cultivos do Baixo Miño para ensinar ao público a explotar todo o potencial dos produtos locais dun xeito delicioso, ameno e divertido.

Nesta nova edición a Feira de Cultivos aposta tamén pola formación e o entretemento para o público xeral coa celebración de dez obradoiros de diferente temática. Así, as persoas interesadas poderán inscribirse para participar en talleres de iniciación aos enxertos, de plantas medicinais e ungüentos, de kokedamas, de elaboración de xardíns verticais, de fertilización en ecolóxico, de iniciación ao deseño de xardíns ingleses e naturalistas, á apicultura e produtos de colmea ou de deseño de sistemas eficientes de rego automático. Os máis cativos e cativas terán tamén o seu espazo cun obradoiro infantil de hoteis para insectos para gozar en familia e cun infantil de debuxo de aves. Serán elas e eles tamén os que desfruten do humor de Barafunda Animación e o seu ‘Pinga a pinga’, un espectáculo co que aprender dun xeito divertido a facer un bo uso da auga.

Unha zona de expositores das empresas do sector agro da comarca e as nosas tendas efémeras para a venta de planta e produtos da comarca de Viveiros da Barxa, Viveros Nilo, Terras do Miño e A Rosaleira súmanse tamén a un completo programa co que conquistar a todos os públicos. As actividades complementaranse co Mercado de Primavera, un espazo no que se darán cita diferentes postos nos que se combinarán artesanía, madeira, libros, xoguetes… Ademais, a organización anima a todo o público a pasar un momento divertido e agradable noutros espazos como no bar, na zona de food trucks e nos establecementos hostaleiros de Goián.