Aprazada pola chuvia a Feira de Cultivos do Baixo Miño

Aprazada pola chuvia a Feira de Cultivos do Baixo Miño A actividade celebrarase os días 12, 13 e 14 de maio na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián coa mesma ampla programación

A Feira de Cultivos do Baixo Miño adáptase ás circunstancias e ponlle ao mal tempo boa cara. Por mor das chuvias e das malas condicións meteorolóxicas previstas para os vindeiros días, a cita aprazarase unha semana pero manterá a súa ampla programación. Así, a Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acollerá do 12 ao 14 de maio a décimo oitava edición da renovada Feira de Cultivos do Baixo Miño, que estrea escenario ao aire libre e unha ampla variedade de actividades para todos os públicos.

Organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño e o Concello de Tomiño, a feira achegará ao público as principais novidades dos sectores da planta, froita, flor, horta e subministros da comarca, pero tamén unha morea de concertos, sesións vermú, conferencias e obradoiros con profesionais de alto nivel.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asegura que “non deixaremos que o mal tempo nos apague a ilusión que temos depositada nesta nova edición da Feira de Cultivos, unha celebración que nos permitirá reunirnos novamente nun ambiente festivo e produtivo”. Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, destaca que “o cambio de datas non impedirá que poidamos desfrutar dunha feira moito máis participativa, dinámica, aberta e lúdica para profesionais e veciñanza”.

Entre o extenso programa de actividades destacará, entre outras, a actuación do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, que estreará álbum e xira na Feira, ou a presenza do monologuista David Amor, que porá a nota de humor ao evento. A pioneira chef tomiñesa Toñi Vicente, ao abeiro do proxecto Eurochef de Eu Rural, compartirá fogóns co recoñecido cociñeiro galego Iván Méndez para ensinar ao público a explotar todo o potencial dos cultivos de tempada e dos produtos locais dun xeito ameno e divertido.

Vermú entre plantas con música en directo, unha zona de expositores das empresas do sector agro da comarca e unha tenda na que mercar produtos de calidade e de proximidade súmanse a un completo programa co que conquistar a todos os público. As actividades compleméntanse co Mercado de Primavera, un espazo no que se darán cita diferentes postos nos que se combinarán bixutería e xoias, artesanía en pel, mel, xabóns, madeira, libros, xoguetes… Ademais, a organización anima a todo o público a pasar un momento divertido e agradable noutros espazos como no bar, na zona de food trucks e nos establecementos hostaleiros de Goián.