Aprobadas as bases do Circuito Cultural 2020 do Concello de Tomiño O orzamento deste exercizo destina en total unha partida de 14.000 euros para grupos de gaitas, treboadas, corais, etc.

O goberno local vén de aprobar as bases do “Circuíto Cultural 2020” co fin de apoiar ás agrupacións musicais tradicionais do municipio que figuren no Rexistro de Asociacións do Concello de Tomiño. A través do “Circuíto Cultural 2020”, as asociacións que cumpran os requisitos, poderán ser contratadas por un terceiro tendo unha parte da súa retribución económica aboada polo Concello de Tomiño.

A efectos indicativos, considéranse como actividades ou eventos incluídos neste circuíto aquelas actuacións de grupos musicais relacionados coa música folclórica galega que se realicen dentro dos límites municipais.

“Dende o Concello de Tomiño a cultura enténdese coma unha práctica social, construída no diálogo e na comunidade. A cidadanía é máis que mera espectadora e consumidora da oferta, é suxeito activo e participativo na creación cultural, onde a Administración Local comparte responsabilidades, fomentando o pluralismo e a interculturalidade”, explican dende o goberno.

A creación e interpretación da música tradicional é un ben inmaterial que é necesario coidar. “Asumimos como responsabilidade impulsar a creación de novas agrupacións relacionadas co folclore musical local ofrecendo unha liña de axudas que permita o descubrimento e contratación das mesmas”, engaden.

Poderán solicitar a inclusión no Circuíto Cultural as seguintes agrupacións: bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandeireteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns. As Comisións de Festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións que aceptaron participar no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data da actuación, sendo exclusivamente un acordo entre as dúas partes.

CONTÍA MÁXIMA E CRÉDITO ORZAMENTARIO.
As contías máximas dos distintos tipos de agrupación con sede social en Tomiño son as seguintes:
Banda de Música 400,00 €
Corais 200,00 €
Bandas de gaitas (con máis de 30 compoñentes) 300,00 €
Grupos de Gaitas 200,00 €
Treboadas 200,00 €
Pandereteiras 150,00 €
Murgas ou Charangas 150,00 €
Grupos de Acordeóns 150,00 €
O crédito orzamentario total comprende o gasto por importe de 14.000€ con cargo á partida 334.226.99 do vixente orzamento.

As solicitudes presentaranse a través Sede Electrónica do Concello de Tomiño ata o 2 de decembro 2020, (será obrigatorio a presentación a través da sede electrónica para as asociacións. O modelo de solicitude está ubicado na seguinte URL: https://tomino.sedelectronica.gal/dossier.1), e dende o día seguinte á publicación da convocatoria das presentes bases na páxina web https://www.tomino.gal e no Portal de Transparecia do Concello de Tomiño, na seguinte URL:
https://tomino.sedelectronica.gal/transparency/9328420c-cb70-4a0c-939e-93f945 339125/ , conforme ao Modelo (Anexo I) que acompaña a estas Bases.
O prazo de presentación das solicitudes será cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. Toda aquela solicitude que sexa presentada fóra de prazo poderá ser desestimada.

No seguinte link pode consultarse o texto completo das bases do circuito 2020:

CERTIFICACION circuitos culturais 2020