Arrancan as Rutas de Artes e Oficios 2022 cunha visita a un dos moitos viveiros de Tomiño A actividade continuará o xoves 21 de xullo coa visita aos Muíños do Porto, en Vilameán. No mes de agosto, o día 4, Obradoiro de Leandro Alonso (ceramista) e o 18, visita á Fundición ArteBronce, dirixida por Cuqui Piñeiro, filla do escultor Xoán Piñeiro

Tomiño é terra de artistas, pintores, escultores, ceramistas, viveiristas e un longo etcétera. Facéndose eco desta realidade, o Concello organiza, un ano máis, as Rutas de Artes e Oficios: catro visitas guiadas, de balde, relacionadas cas artes e cos oficios máis representativos da vila, co fin de promocionar esta riqueza cultural e patrimonial.

Trátase de coñecer de primeira man o día a día do traballo que se leva a cabo, coñecendo os procesos e os resultados in situ.

Así, a edición 2022 das Rutas de Artes e Oficios arranca este xoves, 7 de xullo, cunha visita guiada aos Viveiros Casaíta, con saída ás 20.30 horas.

As persoas que se apunten terán a oportunidade de coñecer como traballa o sector do viveirismo (básico para a economía do municipio), os procesos de produción e as variedades de plantas ornamentais máis demandadas.

Para asistir é imprescindible anotarse previamente (a través da web municipal https://tomino.gal/formulario-ruta-artes-e-oficios-2022/). A ruta continuará o xoves 21 de xullo coa visita aos Muíños do Porto, en Vilameán. No mes de agosto, o día 4, Obradoiro de Leandro Alonso (ceramista) e o 18, visita á Fundición ArteBronce, dirixida por Cuqui Piñeiro, filla do escultor Xoán Piñeiro.