As alcaldesas do Rosal e Tomiño apoian aos traballadores e traballadoras de IKF, en folga dende hai dúas semanas Agradecen ao persoal que quixeran explicarlles os pormenores do conflito laboral e aseguraron que dende ambos concellos farase todo o posible para que a situación atope unha pronta solución

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e a de Tomiño, Sandra González, reuníronse este luns cos traballadores e traballadoras de Imerys Kiln Forniture (IKF), unha empresa histórica na comarca do Baixo Miño dedicada á fabricación de materiais refractarios. O persoal da compañía leva en folga indefinida dende hai case dúas semanas ao non chegar a un acordo coa empresa sobre a dobre escala salarial que se quere prolongar no tempo.

As rexedoras acudiron ata a sede da empresa para amosar o seu apoio a todos os veciños e veciñas que traballan nesta compañía, así como ás súas familias, xa que con arredor de 60 empregados IKF é unha das empresas máis importantes da comarca dende o punto económico e social.

Ánxela Fernández e Sandra González quixeron agradecer aos traballadores e traballadoras que quixeran informalas dos pormenores do conflito laboral e aseguraron ao persoal que tanto os concellos do Rosal como de Tomiño farán todo o posible para que a situación atope unha pronta solución.