As alcaldesas e alcaldes do Baixo Miño piden á veciñanza que coopere mantendo limpa a fronte das súas fincas Coñecer os plans de reactivación económica que cada concello está preparando e prever actuacións conxuntas para a apertura da fronteira, foron dous temas centrais da reunión

As alcaldesas de O Rosal e Tomiño e os seus homólogos de Tui e A Guarda, mantiveron esta semana unha nova reunión virtual no marco da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, na que acordaron sacar un bando para apelar á responsabilidade da veciñanza para que esta bote unha man na limpeza das frontes de parcelas que dean á vía pública, habida conta de que, debido á crise do coronavirus, os municipios aínda non teñen funcionando ás persoas contratadas a través do Plan Concellos da Deputación para traballar na rúa, desbrozando ou limpando. A esta situación súmase o feito de que en moitos concellos algúns dos operarios de limpeza son persoal de risco e víronse reducidas as plantillas municipais.

Na videoconferencia houbo tempo tamén para compartir os plans de reactivación económica nos que cada concello está a traballar, e coordinar accións comúns de cara a conseguir a apertura do pass fronteirizo de Cerveira-Goián, que permita ir e vir aos traballadores e traballadoras transfronteirizos, sen ter que desprazarse até a ponte internacional de Tui-Valença. “Continuamos moi preocupados pola situación das persoas que traballan do outro lado da fronteira e o que pedimos é que se habilite outro paso, controlado eficazmente para que só estas persoas poidan cruzar e desempeñar a súa labor profesional, como ocorreu en Villanueva del Fresno (Extremadura), grazas ás peticións do presidente desa Comunidade”, comentaron os rexedores tras a xuntanza.

Asemade, na reunión, os mandatarios falaron das medidas de desescalamento que van tomar respecto dos traballadors municipais; entre elas, a de favorecer o teletraballo, tentando conciliar a vida laboral e familiar dos empregados municipais e ao mesmo tempo volver á normalidade para atender á cidadanía, tanto ás persoas que o necesitan polo tema da crise, coma a aquelas que requiren acompañamento e apoio para reactivar ás súas actividades empresariais e profesionais.

Por último, abordouse o tema dos mercados ambulantes, “que nos parece un lugar complicado para cumprir con todas as medidas de seguridade e desinfección, tal como están configurados eses mercados nos nosos concellos por iso agardamos ter máis instruccións. Estamos dacordo en que as actividades que se vaian reanudando o fagan con todas as garantías para evitar posibles contaxios”, sinalaron os alcaldes e alcaldesas nunha valoración posterior á videoconferencia.-