As aulas do IES Antón Alonso Ríos convértense nun gran congreso científico

As aulas do IES Antón Alonso Ríos convértense nun gran congreso científico

Máis de 120 estudantes de 3º e 4º da ESO presentaron as investigacións realizadas ao longo do curso e coñeceron de primeira man a persoas destacadas de distintas disciplinas

O IES Antón Alonso Ríos esperta vocacións científicas do mellor xeito posible: coa práctica. A semana pasada o centro celebrou a terceira edición do seu Congreso Científico, un encontro organizado polos departamentos de Bioloxía e Física e Química co que se busca mergullar ao alumnado no traballo e no método científico dun xeito directo, ameno e divertido, xerando experiencias motivadoras que fomenten a investigación.

Simulando un congreso real, durante tres días máis de 120 estudantes de 3º e 4º da ESO presentaron ao resto de participantes tanto en formato póster como en comunicacións orais máis extensas os traballos de investigación realizados ao longo do curso nas aulas para as materias de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Educación Física e Proxecto Competencial. Ademais, este ano 11 alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato de Ciencias formaron parte da iniciativa como voluntarios e voluntarias na organización do Congreso.

O estudantado presenta os seus traballos despois de escoitar unha clase maxistral da man de persoas destacadas de distintas disciplinas, “conferenciantes que cada ano superan as nosas expectativas e que permiten que o alumnado ter unha visión máis ampla da ciencia, xa que ademais de obter información sobre os proxectos de investigación nos que participan achéganse ao papel da muller na ciencia, descobren experiencias persoais e valoran o esforzo que hai detrás para conseguir as metas”, resaltan desde a organización.

Nesta edición, o rapaces e rapazas puideron desfrutar da conferencia de Arancha Pérez de Lis sobre a relación entre dieta e deporte a través do traballo da deportista profesional Aroa Sío, corredora de Ultra Trail que debe manter a actividade física durante máis de 7 horas seguidas nunha carreira. Na segunda xornada os protagonistas foron Lucas Lage e Carlos García Montes, que impactaron ao estudantado contando a súa experiencia como médico o primeiro e como transplantado o segundo e explicaron a importancia das doazóns de órganos, os criterios que se seguen para decidir que se pode ou non transplantar, a selección dos receptores e como deben ser transportados eses órganos para que sexan viables. A clausura foi a cargo da catedrática da Universidade de Vigo África González, que falou do papel da muller na ciencia dun xeito moi ilustrativo presentando a súa conferencia seguindo o método científico que empregou a rapazada nas súas investigacións para o congreso.

Un congreso que supón toda unha experiencia para todas e todos os estudantes, xa que por primeira vez en moitos casos tiveron que subirse ao escenario ante un ateigado salón de actos para falar do seu traballo, unha situación na que moitos alumnos e alumnas brillaron pola súa capacidade de comunicación. “Vivimos durante uns días unha experiencia coa que rapaces e rapazas adquiren unhas competencias que nunha clase non é posible, algo que non se pode conseguir sen un grupo de profesorado comprometido co ensino, moitas horas de traballo e organización e a colaboración indiscutible do alumnado”, salientan.

Nesta ocasión, por primeira vez estudantes de 1º de FPB de Electrónica participaron no Congreso Científico cun tríptico sobre os efectos nocivos do tabaco; os e as estudantes do Club de Ciencias e de Lectura organizaron unha mesa redonda sobre o libro de María Solar ‘Os nenos da varíola’; e os de Oratoria de 4º da ESO presentaron un debate sobre intelixencia artificial e vida noutros planetas.

Como sinalou a alcaldesa, Sandra González, para o Concello “é un orgullo ter un instituto tan implicado co futuro de Tomiño, cun equipo docente comprometido e un alumnado innovador, con inquietudes e intereses, capaz de esforzarse para poñer en marcha un congreso deste calibre con claro carácter de continuidade. Moitos parabéns a todas e todos por unha iniciativa que cada ano fai que moitos rapaces e rapazas se acheguen á ciencia dun xeito diferente, ameno e entretido”.