As ferramentas de protección á infancia e adolescencia centran o pleno infantil de Tomiño

As ferramentas de protección á infancia e adolescencia centran o pleno infantil de Tomiño

O Concello celebrou unha nova edición deste encontro no que participaron nenos e nenas de todos os centros de ensino do municipio e co que se conmemorou o Día Universal da Infancia

As ferramentas de protección á infancia e adolescencia centran o pleno infantil de TomiñoDefender, promover e celebrar os dereitos de nenos e nenas a través do diálogo e de accións que constrúan un mundo mellor para os máis pequenos e pequenas. Con ese obxectivo Tomiño celebrou este luns o Día Universal da Infancia cedendo a palabra aos seus rapaces e rapazas no pleno infantil, un lugar de encontro no que cada ano rapazas e rapaces de todos os centros de ensino do municipio abordan temas e cuestións que lles afectan de forma directa.

O auditorio de Goián foi o escenario escollido para celebrar unha nova edición deste pleno infantil, que foi presidido pola alcaldesa, Sandra González, e que contou coa presenza do concelleiro de Mocidade, Agustín González. A rexedora destacou a implicación de todas as nenas, nenos, mozas e mozos participantes “nesta iniciativa tan vital para todas e todos nós, xa que nos permite coñecer de primeira man a vosa visión, escoitar as vosas opinións e inquedanzas e empaparnos coas vosas propostas sobre todos aqueles temas que vos afectan dunha forma directa e sobre calquera cuestión que permite definir o Tomiño do futuro”.

O encontro contou coa participación de alumnado do CEIP Pintor Antonio Fernández, do CEIP de Barrantes, do CEP Pedro Caselles Beltrán, do CEIP de Sobrada, do CEIP de Tebra e do IES Antón Alonso Ríos. Durante as súas intervencións, rapaces e rapazas realizaron peticións tan singulares como a mellora dos espazos públicos como camiños ou a toma de medidas para reducir a velocidade dos vehículos, especialmente naquelas zonas con camiños máis rurais.

Tamén fixeron fincapé na importancia da creación de contornas seguras, lugares libres de violencia, nos que todas as persoas se rexen polo respecto aos dereitos da infancia e a adolescencia e onde existe un trato afectivo. Durante as súas intervencións todas e todos os participantes quixeron agradecer a implicación do Concello coa infancia e a mocidade tomiñesa e ese proceso de escoita activa permanente que lles permite comunicarse dun xeito directo e sinxelo coa administración.

 

Pola súa banda, Xoel, Alfredo, Zuriñe e Natalia, integrantes do Consello da Infancia e da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’, explicaron ao alumnado participante no pleno infantil a súa experiencia participativa no Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente celebrado no Carballiño, dúas xornadas de convivencia no que traballar man a man no manifesto que levarán ao Parlamento galego o vindeiro 28 de novembro sobre ‘Os nosos dereitos, a nosa voz’.