As tomiñesas aprenden a coidarse e quererse O Concello pon en marcha o vindeiro sábado 23 de marzo un novo taller de autoestima de balde dirixido a mulleres

Tomiño promove o empoderamento feminino tamén a través do autocoidado. O Concello pon en marcha o vindeiro sábado 23 de marzo un novo taller de autoestima, un obradoiro de hora e media de duración no que as participantes poderán aprender a construír o seu amor propio con técnicas avanzadas e efectivas de autocoñecemento como poden ser a intelixencia emocional e corporal ou o coaching.

A alcaldesa, Sandra González, subliñou a importancia de ofrecer este tipo de iniciativas “e brindar a todas as tomiñesas a oportunidade de aprender a coidarse e quererse, promovendo o benestar emocional e o empoderamento dun xeito próximo e nun espazo seguro”. O taller, que será de balde, impartirase na Casa Salgosa de 17.00 a 18.30 horas e terá prazas limitadas.

Impartido pola coach e formadora Ana Pazo, as participantes nos talleres adquirirán unhas ferramentas sinxelas e claras coas que poder construír a súa autoestima cada día, con dinámicas prácticas doadas de integrar na súa vida cotiá.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa a través do formulario habilitado na paxina web municipal.