Música que une xeracións na Coral Polifónica de Tomiño

As voces da Coral Polifónica inauguran o Nadal en Tomiño O auditorio de Goián acolle este domingo 10 o tradicional concerto de Nadal da entidade

A Coral Polifónica dá o pistoletazo de saída ás festas en Tomiño co seu tradicional concerto de Nadal. As voces das máis de 30 persoas que integran a formación serán as encargadas de abrir a programación cultural e de lecer no municipio cunha agardada actuación o domingo 10 de decembro ás 19.00 horas no auditorio de Goián.

O público poderá gozar de balde da paixón pola música e o canto da Coral Polifónica, varias xeracións que conforman unha gran familia baixo a dirección de David González. Nesta nova actuación prometen sorprender ao público con algunha novidade, ao tempo que deleitará a todas e todos os asistentes co seu amplo repertorio de cancións populares, clásicas e contemporáneas.

A coral tomiñesa comezou a súa andaina no ano 1997 e na actualidade ten gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo único. Cada luns ensaian de forma puntual con moita ilusión de subirse ao escenario e transmitir o seu amor pola música e o canto. A Coral Polifónica de Tomiño está aberta a recibir novas e novos integrantes de todas as idades e sumar voces a un equipo formado por xente dende os 50 aos 83 anos.