11 Mai Até o día 18 de maio poderá matricularse o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria nos centros educativos de Tomiño A medida afecta só a nenos e nenas que entren en Educación Infantil (3 anos) ou a aqueles doutros cursos, que queiran cambiar de centro
Coincidindo coa Fase 1 da desescalada, os centros educativos de Tomiño, permanecerán abertos entre os días 11 e 18 deste mes, para a formalización dos trámites de solicitude de admisión do alumnado de nova incorporación para Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato para o curso 2020-2021; trámites que foron suspendidos cando se decretou o Estado de Alarma.
Ás persoas ás que afecta esta resolución son as nenas e nenos que entran a Educación Infantil (con tres anos de idade), e aqueles do resto de cursos que estean matriculados noutros centros e queiran cambiar.
Hai que aclarar que o alumnado do CRA Mestre Manuel Garcés que vaia o vindeiro curso ao seu colexio de Primaria de referencia, así coma o de 6º de Primaria dos centros de Barrantes, Tebra, Sobrada, Pedro Caselles, Goián, que solicitan praza para o IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, están exentos de facer esta reserva, pois xa a fixeron no mes de febreiro pasado.
A solicitude pode presentarse presencialmente, logo de descargala e imprimila desde httos://www.edu.xunta.es/admisionalumnado/, ou ben, entrar nese mesmo sitio, cubrir a solicitude informaticamente e asinala en Sede Electrónica. (Toda a información necesaria pode atoparse tamén na páxina web (www.tomino.gal) e redes sociais do Concello de Tomiño.
Se se desexa presentar o impreso de manera presencial, é necesario, solicitar antes cita previa no centro educativo correspondente, seguindo neste casos as normas de prevención aconselladas polas autoridades sanitarias.
A confirmación da matrícula realizarase do 1 ao 10 de xullo.