Atraccións con horario sen son nas Festas do Alivio de Tomiño

Atraccións con horario sen son nas Festas do Alivio de Tomiño Concello, Comisión de Festas e a asociación Un Máis promoven este espazos para que todos os nenos e nenas poidan desfrutar

Será o domingo 10 de setembro de 16.30 a 19.00 horas

Tomiño ultima os detalles das súas tradicionais Festas do Alivio, que este ano contarán cunha tarde de atraccións feirais sen música nin megafonía.

O Concello, a Comisión de Festas das Nosa Señora do Alivio e a asociación de nais, pais, familiares e amigos de persoas con TEA Un Máis promoven unha iniciativa para reducir os niveis de ruído e facilitar que as persoas con hipersensibilidade auditiva ou calquera outro trastorno que produza problemas sensoriais poidan tamén gozar das atraccións e da festa.

Deste xeito, o domingo 10 de setembro de 16.30 a 19.00 horas tomiñeses e tomiñesas poderán gozar de dúas horas de atraccións sen son, música ou megafonía e non se realizará ningunha actividade que prexudique ou desfavoreza o uso e desfrute das atraccións e actividades por parte das persoas con sensibilidade acústica.