Avanza no bo camiño o proxecto de reforma do núcleo urbano de Goián A alcaldesa visitou as obras esta semana, previstas para finalizaren no mes de xuño

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, estivo visitando esta semana as obras que se están realizando no núcleo urbano de Goián. Na visita estiveron presentes tamén varios concelleiros e encargados da empresa concesionaria, Xestión Ambiental de Contratas SL, que explicaron a situación na que se atopan actualmente en previsión de seren rematadas no mes de xuño.

Na actualidade estanse realizando intervencións de acondicionamento nas inmediacións da praza Pintor Antonio Fernández, na Avenida Ordoñez e nos terreos adxacentes á Escola de Música, nos que está prevista a creación dun aparcadoiro municipal. A intervención encádrase dentro do ambicioso proxecto de reforma integral “Máis Goián”, un proxecto de reconfiguración e recuperación dos espazos públicos da vila goianesa, que procura revitalizar a vida social, comercial e cultural a través da creación dun centro urbano atractivo que conecte os equipamentos públicos existentes a través da mobilidade peonil.

“Goián ten a sorte de contar cunha gran cantidade de equipamentos públicos moi achegados entre eles, a menos de dous minutos andando, pero que ata agora estaban completamente de costas entre eles. Con este proxecto imos unir todos eses elementos para crear un polo de atracción que teña ás persoas como prioridade, unha intervención que suporá unha mellora sen precedentes para a vila”, declarou a alcaldesa.

A obra está cofinanciada polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) a través do fondo FEDER de crecemento sostible, cunha subvención de 634.810,28€ dos  999.521,40 euros do custe total dos traballos. As axudas proporcionadas polo IDAE teñen como obxectivo apoiar actuacións que fomenten o abandono dos vehículos de combustión, contribuíndo deste xeito a reducir as emisións de CO2, outra das claves do proxecto “Máis Goián”.

Dentro do proxecto tamén están previstas outras intervencións, como o inicio, proximamente, das obras de construción na contorna da Alameda de Goián, dunha área deportiva composta por un skatepark e unha pista polideportiva, participando no deseño do proxecto un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos “O Marisquiño”, no que tamén foi fundamental a participación cidadá.Co fin de facilitar a mobilidade, tamén está prevista a posta en disposición de 4 aparcadoiros municipais, que estarán dotados de case 300 prazas de estacionamento, todas elas a menos de dous minutos camiñando da praza Pintor Antonio Fernández, así como a creación de dúas zonas de parking-express na praza de Melilla e na rúa Rosalía de Castro, para paradas rápidas de 5 minutos.