Budiño estrea álbum e xira na Feira de Cultivos do Baixo Miño

Budiño estrea álbum e xira na Feira de Cultivos do Baixo Miño O músico moañés estará en Goián o sábado 6 de maio ás 21.00 horas cun concerto de balde

O monologuista David Amor porá a nota de humor á Feira, mentres que os chefs Toñi Vicente e Iván Méndez explorarán co público todo o potencial dos cultivos do Baixo Miño

A Feira de Cultivos do Baixo Miño quenta motores. Asociación de Cultivos do Baixo Miño e Concello de Tomiño ultiman os detalles dunha feira que regresa tras a pandemia renovada e cun programa de actividades de altura que conquistará ao público xeral e profesional.

A música terá un papel destacado na programación, que contará coa participación estelar de Xosé Manuel Budiño. O gaiteiro moañés iniciará en Tomiño a xira do seu novo álbum, ‘Branca Vela’, o seu oitavo disco, cun gran concerto de balde o sábado 6 de maio ás 21.00 horas.

A XVIII Feira de Cultivos do Baixo Miño celébrase do 5 ao 7 de maio na renovada Praza Pintor Antonio Fernández de Goián, un espazo ao aire libre que brindará un ambiente acolledor e único no que o público poderá desfrutar de morea de actividades para todos os públicos. O monologuista galego David Amor será o encargado de poñer o toque de humor á programación da feira cunha actuación de balde o venres 5 ás 21.00 horas.

Serán tres días cun amplo programa no que a gastronomía e os cultivos locais terán dous anfitrións de luxo, os chefs Toñi Vicente e Iván Méndez. Ao abeiro do proxecto Eurochef de EuRural, a tomiñesa, pioneira da cociña galega, compartirá fogóns co recoñecido cociñeiro galego para ensinar ao público a explotar todo o potencial dos cultivos de tempada e dos produtos locais dun xeito ameno e divertido. O showcooking celebrarase o sábado 6 de maio ás 12.00 horas.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que a Feira de Cultivos do Baixo Miño regresa “cun evento moito máis participativo, dinámico, aberto e lúdico, tanto para profesionais como para as persoas visitantes. Queremos que sexa unha feira de reencontro nun ambiente festivo pero tamén produtivo que nos permita coñecer de primeira man os últimos avances e tendencias do sector da planta, froita, flor, horta e subministros na comarca”.

Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, convida a toda a veciñanza a participar nos tres días “dunha feira renovada que nos dará a oportunidade de dar a coñecer os produtos do noso agro rodeados de lecer, cultura, gastronomía”.