Cambiando o rumbo do ensino con Nino Cervera na Semana da Educación de Tomiño

Cambiando o rumbo do ensino con Nino Cervera na Semana da Educación de Tomiño O docente, experto en innovación e novas metodoloxías educativas, reflexionará o vindeiro xoves 9 sobre o tipo de profesorado

Aberta a inscrición para participar nestas xornadas de balde que se desenvolverán do 6 ao 9 de febreiro no auditorio de Goián

Nino Cervera é un profesor con gañas de cambiar o rumbo da educación, ou cando menos intentalo. Con esa paixón pola docencia e coa innovación por bandeira, Cervera subirase ao escenario do auditorio de Goián o vindeiro xoves 9 de febreiro ao abeiro da VIII Semana da Educación de Tomiño para reflexionar co público dun xeito ameno e práctico sobre se don os docentes que lles gustaría ser cando estudaba.

A conferencia, en formato obradoiro, está destinada a experimentar sobre as claves dun bo ou boa docente e dunha boa educación, todo dende a perspectiva do alumnado e con Cervera achegando a metodoloxía para obter clases innovadoras, motivadoras e inspiradoras. “Non todos e todas somos iguais, por iso é fundamental achegar ás aulas métodos educativos innovadores, diferentes, actuais que permitan abrir espazos cos que darlles a opción de crecer sen limitalos. E iso é o que nos vai permitir descubrir Nino Cervera nesta nova edición da Semana da Educación”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Docente con grande experiencia no sector educativo, dende cativo Cervera soñaba con mellorar o mundo. Co tempo decatouse que para iso era preciso mellorar ás persoas e aínda que é licenciado en Administración e Dirección de Empresas atopou a súa vocación como profesor de secundaria e universidade, organizando proxectos de innovación con impacto social e medio ambiental.

Especializado en innovación e novas metodoloxías educativas, actualmente compaxina o seu traballo como docente nun centro de La Laguna co seu labor en ‘Cambium Sostenible’, unha organización creada para impartir formación ao profesorado e acompañar á mocidade no desenvolvemento das súas habilidades persoais e profesionais. Autor do libro ‘¿Eres el profe que te hubiera gustado tener?’, o seu obxectivo é “fusionar a educación aplicada á vida real” e cre “firmemente que quen se atreva a ensinar non debe deixar nunca de aprender”.

O Concello organiza por oitavo ano consecutivo a Semana da Educación de Tomiño, xornadas de balde que se celebrarán do 6 ao 9 de febreiro no auditorio municipal de Goián. As persoas interesadas en asistir e recibir certificado de asistencia poden inscribirse xa a través da web municipal. Para apoiar a conciliación e facilitar a asistencia de pais e nais, haberá servizo de canguraxe gratuíto para as persoas que o precisen dende o inicio ata o finalo das charlas.