Cerveira e Tomiño investirán 900.000 euros na adaptación aos cambios climáticos e na promoción da igualdade

Tomiño e Cerveira investirán 900.000 euros na adaptación aos cambios climáticos e na promoción da igualdade

A adaptación do territorio transfronteirizo aos cambios climáticos e a promoción transfronteiriza da igualdade son dous novos proxectos que a Eurocidade Cerveira-Tomiño implementará ata o 2026. Unhas iniciativas nas que investirán aproximadamente 900.000 euros cofinanciados nun 75% por fondos FEDER a través do POCTEP, en cumprimento co proceso participativo da Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030.

O primeiro proxecto, de maior impacto social e financeiro cun investimento de 700.000 euros, ten como obxectivo a implementación dunha estratexia conxunta de resiliencia do territorio transfronteirizo fronte aos cambios climáticos. Será mediante a valorización dos ecosistemas e os seus recursos comúns, a cooperación institucional transfronteiriza e a participación dos actores locais. Búscase así impulsar unha relación urbana-rural positiva, catalizando unha transformación dos hábitos de consumo baseada na proximidade, nos recursos endóxenos, no control de especies invasoras e na economía circular. Entre as diversas accións, contémplase a elaboración dun proxecto piloto de monitoreo da calidade ambiental, un estudo sobre prevención de inundacións e afectación dos recursos hídricos para a actividade agraria e un proxecto piloto de servizo de economía circular.

Co segundo proxecto aprobado, que suporá un investimento de 200.000 euros e que está enmarcado na Rede de Gobernanza do Río Miño Transfronteirizo do AECT Rio Minho, a Eurocidade Cerveira-Tomiño proponse desenvolver unha acción piloto transfronteiriza para a promoción da igualdade e a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Coa organización de talleres, diferentes accións culturais de concienciación social e unhas xornadas de intercambio de boas prácticas, procúrase sensibilizar á mocidade e ao tecido empresarial e institucional sobre a necesidade de implementar medidas promotoras da igualdade, da non discriminación e do equilibrio entre a vida persoal e profesional.

Cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do INTERREG V-A POCTEP, a Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030, presentada publicamente o pasado mes de outubro, constitúese como un apoio para a afirmación sostible e adaptada aos desafíos do século XXI. Cumprindo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 e os desafíos ambientais, de integración social, de mobilidade e conectividade priorizados a escala europea para o período 2021-2027, este plan de acción incorpora 14 proxectos divididos en catro eixos estratéxicos: economía circular e relacións urbano-rurais, desenvolvemento territorial e dinamización de recursos endóxenos, mobilidade e transición dixital e cidadanía e igualdade.

Na práctica, a Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030 establece as bases para a toma de decisións nas diferentes áreas de actuación dos dous municipios e que as accións e expectativas dos distintos axentes territoriais sexan coherentes, sistemáticas e integradas, baseadas na coordinación e cooperación. Cunha longa traxectoria de cooperación, a Axenda Urbana reflicte a historia de colaboración e compromiso mutuo de traballar os dous concellos xuntos para abordar os problemas ambientais, sociais e económicos que afectan directamente a este territorio, así como para promover as principais potencialidades comúns.