Cerveira-Tomiño revalida o seu título das Olimpíadas Sénior

Cerveira-Tomiño revalida o seu título das Olimpíadas Sénior O encontro reuniu a preto de 400 participantes de 14 equipos en Viana do Castelo

O equipo transfronteirizo Cerveira-Tomiño conquistou por cuarto ano consecutivo o trofeo Olympics4All ao abeiro das sétimas Olimpíadas Sénior, que reuniron estes días en Viana do Castelo a preto de 400 participantes de 14 equipos. O evento, que estivo marcado por un grande espírito de convivencia xunto cunha competición saudable, será organizado no 2024 polo concello de Monção.

De carácter anual e itinerante polo Alto Minho, as olimpíadas interxeracionais contaron coa participación de maiores residentes de Tomiño e Cerveira, así como doutros nove concellos alto-miñotos, do municipio de Fornos de Algodres, de representantes da Associação Portuguesa de Pais e Amigos do Cidadão Deficiente Mental de Viana do Castelo e do concello galego de Sanxenxo e italiano de Cesena, froito do proxecto internacional ‘In Common Sports+’.

Durante os tres días de encontro as e os participantes desfrutaron dunha competición saudable en modalidades deportivas universais e xogos tradicionais, confirmando a puntuación final das probas a revalidación do título do equipo de Cerveira-Tomiño, constituído por 40 persoas. Nesta nova edición das Olimpíadas Sénior destacou o reforzo de antigas e novas amizades e as experiencias compartidas, ademais dos innumerables beneficios para a saúde e o benestar, xa que o obxectivo principal é que as persoas maiores continúen practicando actividade física no seu día a día e incentiven a outras persoas a sumarse ao envellecemento activo.

As VII Olimpíadas Sénior estiveron marcadas por un momento de unión entre todos os equipos cando, durante a actuación da Tuna de Veteranos de Viana do Castelo – Teatro Sá de Miranda, protagonizaron unha sentida e merecida homenaxe ao atleta do equipo de Cerveira-Tomiño Manuel María Pereira da Costa, que faleceu o pasado mes de abril durante a celebración dos xogos intercalares. Os seus amigos e amigas lembraron o grande espírito altruísta, a súa boa disposición e o seu compañeirismo.