30 Xan César Bona desembarca en Tomiño para ‘Humanizar a educación’ O escritor, considerado como un dos mellores 50 mestres do mundo, dará o pistoletazo de saída á IX Semana da Educación
Será o luns 5 de febreiro ás 19 h no auditorio de Goián
César Bona é un profesor e escritor con gañas de ‘Humanizar a educación’, ou cando menos intentalo. Considerado un dos 50 mellores mestres do mundo, segundo o Global Teacher Prize, o nobel dos profesores, e membro do xurado durante tres anos dos Premios Princesa de Asturias, para Bona a escoita, a empatía, o respecto ás diferenzas, a participación de infancia e adolescencia na sociedade e a educación para a convivencia son piares fundamentais. E con esa perspectiva da vida subirase ao escenario do auditorio de Goián o vindeiro luns 5 de febreiro ao abeiro da IX Semana da Educación de tomiño para reflexionar dun xeito ameno a transformación profunda que a sociedade debe facer en moitos campos, tamén no ensino.
Tras unha pandemia que fixo cambalear a estrutura das nosas vidas, César Bona animará ao público a cambiar as preguntas en lugar de buscar diferentes respostas ás cuestións de sempre. O novo escenario obriga a unha transformación profunda en moitos campos, tamén na educación “porque con ela comeza todo”.
Por iso, “non podemos seguir facéndonos as mesmas preguntas de sempre, é o momento de plantexar outras. Que ferramentas necesitan nenos e nenas? Que carencias atopamos na educación que recibimos?”. “Os resultados académicos deben ir asociados á mellora do individuo consigo mesmo, cos demais e co mundo no que vive. Se non, para que educamos? A vida estanos a dar unha oportunidade para humanizar a educación”, como afondará o mestre e escritor.
Polos seus múltiples proxectos vinculados á participación infantil, César Bona recibiu conta con numerosos recoñecementos ás súas costas, como o Premio Magister de Honra pola Plataforma da Escola Pública, o Premio Crearte do Ministerio de Cultura en dúas ocasións polo seu estímulo da creatividade, a Cruz José de Calasanz ou o Premio Medio Ambiente Aragón 2013. Ademais, foi mención de honra no International Children Film Festival of India pola película de cine mudo ‘The importance of being an Applewhite’, que conseguiu unir a dúas familias que non se falaban.
O Concello organiza por noveno ano consecutivo a Semana da Educación de Tomiño, xornadas de balde que se celebrarán do 6 ao 9 de febreiro no auditorio municipal de Goián, con servizo de canguro gratuíto para as persoas que o precisen dende o inicio ata o remate das charlas. As persoas que se inscriban e asistan a estes catro días de charlas recibirán un certificado de participación.