Chega a Tomiño ‘Iribarne’, unha feroz sátira teatral da historia recente de España

Chega a Tomiño ‘Iribarne’, unha feroz sátira teatral da historia recente de España

O auditorio de Goián acollerá este sábado 20 ás 21 h esta radiografía irreverente e en clave de humor que desmitifica a Transición a través da figura de Manuel Fraga

Non é un biopic sobre Manuel Fraga porque, como di a propia autora, Esther F. Carrodeaguas, a súa vida non cabería nunha soa obra. ‘Iribarne’ é unha feroz sátira teatral da historia recente de España, un intento irreverente por comprender como chegamos ata hoxe en día da man dun personaxe secundario pero imprescindible do que desfrutar en Tomiño esta fin de semana.

Este sábado 20 de abril ButacaZero subirase ao escenario do auditorio de Goián con esta obra coproducida polo Centro Dramático Nacional e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia que leva apenas 5 meses percorrendo teatros dentro e fóra de Galicia cunha radiografía en clave de humor da figura de Fraga Iribarne e o seu papel na recente historia de España a partir dunha intensiva investigación que vai dende o franquismo ata a democracia.

Dirixida por Xavier Castiñeira, a obra propón un trepidante xogo escénico coral no que todo o elenco vaise dando o relevo para interpretar a Fraga. Unha peza extremadamente divertida, local e moi teatral na que teñen cabida todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel ou Serrat, pasando por episodios máis tráxicos. Unha volta cómica e contemporánea da historia con Fraga moi protagonista, xa que incluso chega a haber, como explica a compañía teatral, “cinco Iribarnes sobre o escenario ao mesmo tempo para demostrar que era omipresente”.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima a toda a veciñanza a desfrutar desta obra cunha dramaturxia nada doada e incriblemente tecida sobre datos históricos a través da que ButacaZero reflexiona sobre os acontecementos da historia recente de España dende a comedia.

Dirixida a persoas adultas, a posta en escena desta peza teatral será ás 21.00 horas no auditorio municipal de Goián. As entradas poderán mercarse a un prezo de 7 euros unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes do propio auditorio.