27 Xuñ Chega ‘Da túa man’, unha campaña formativa destinada ao comercio local de Tomiño Concello e Deputación colaboran nesta iniciativa financiada por fondos europeos Next Generation
O Concello de Tomiño participa no proxecto ‘Da túa man’, unha iniciativa a través da que se poñen en marcha diversas medidas de apoio ao comercio local, entre eles tres accións formativas de balde destinadas a comerciantes do municipio coas que dotar de novas ferramentas que axuden a xerar unha maior competitividade do tecido empresarial tomiñés.
A alcaldesa, Sandra González, destacou “a importancia de levar a cabo iniciativas que nos permitan reactivar, impulsar, desenvolver e fortalecer o comercio local, dotando a todas e todos os comerciantes tomiñeses das ferramentas necesarias para dar resposta a unha contorna cambiante e aos novos retos que xorden cada día”.
A través deste proxecto, comerciantes de Tomiño poderán acceder a tres cursos diferentes, un en liña e dous presenciais para adquirir habilidades dixitais, así como para achegarse ao packaging sostible como elemento diferenciador dos produtos locais. O prazo de inscrición das actividades estará aberto ata completar prazas. As persoas interesadas poderán inscribirse a través da web da Deputación de Pontevedra.
Dende esta semana ata o vindeiro 26 de xullo, as persoas interesadas poderán participar nun curso en liña de 25 horas sobre competencias dixitais cos que iniciar ás e aos comerciantes na transformación dixital do seu negocio, mellorando as habilidades de xestión interna e aprendendo a usar ferramentas dixitais para traballar mellor.
O vindeiro 12 de xullo será a quenda da actividade formativa sobre habilidades dixitais para persoas consumidoras vulnerables, un curso dirixido a consumidores e consumidoras maiores de 45 anos co que acadar as competencias dixitais necesarias para utilizar con facilidade ferramentas básicas no emprego de internet e do comercio electrónico. A actividade impartirase de forma presencial de 11.00 a 13.00 horas na Escola Obradoiro do Regatiño de Goián.
Xa o xoves 13 de xullo comerciantes e persoas consumidoras en xeral poderán participar no curso de deseño de novas embalaxes sostibles, unha formación teórica e práctica na que aprender a crear unha embalaxe creativa e innovadora, cunha estética coidada e materiais reciclables e reutilizables. Será unha hora de formación teórica e dúas prácticas de 10.00 a 13.00 horas na Escola Obradoiro do Regatiño, en Goián.
O proxecto ‘Da túa man’ está coordinado pola Deputación de Pontevedra, que achega un 15% do orzamento da iniciativa, financiada ao 70% polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation da Unión Europea. O Concello de Tomiño achega o outro 15% do orzamento total.