Comeza ‘Nadal+Nadal’, unha campaña do Concello de Tomiño para impulsar o comercio local

Con esta iniciativa, do 9 ao 27 de decembro as compras da veciñanza nos establecementos da vila poderán ser premiadas con vales de compra

 

Mentres, para animar as rúas, os comercios compiten por ter o establecemento e o escaparate mellor decorado

 

Tomiño ule este Nadal a premio. O Concello continúa no camiño de dinamizar o comercio local cunha nova edición da campaña ‘Nadal+Nadal’, unha iniciativa que busca non só premiar aos veciños e veciñas que apostan por facer as súas compras na localidade, senón tamén a todos aqueles comercios que visten establecementos e escaparates para encher de luz, cor e maxia as rúas tomiñesas.

Así, dende o 9 ao 27 de decembro as persoas que merquen nos comercios de Tomiño terán á súa disposición unha urna en cada establecemento adherido á campaña na que poderán depositar os seus tíckets de compra e optar a conseguir un vale de compra polo dobre do seu valor. Establécese un mínimo de 20 euros e un máximo de 100 euros para participar no sorteo, que se celebrará o propio 27 de decembro tras a apertura de urnas no salón de plenos do Concello ás 20.30 horas. Nese momento extraeranse tíckets por un valor de ata 1.500 euros, polo que a campaña rematará coa entrega de vales de compra ás gañadoras e gañadores por un valor de ata 3.000 euros.

Nesa procura da dinamización do comercio local, a campaña busca tamén crear un ambiente agradable e atractivo nas rúas que anime á veciñanza a facer as súas compras sen saír de Tomiño. Por este motivo, os comercios adheridos a este sorteo participarán no concurso ‘Ruta Nadal+Nadal’, no que se premiará a mellor decoración de escaparates e de establecementos. Para iso, dende o 9 de decembro ata o 6 de xaneiro deberán adornar cada local con elementos preferiblemente naturais e reciclados de base, fomentando ao mesmo tempo un comercio local sostible.

O xurado premiará a decoración máis orixinal nas modalidades de establecemento e escaparate cun premio en metálico de 500 euros a aqueles comercios que acaden o primeiro posto e de 250 euros aos que queden de segundos na valoración. O veredicto coñecerase o mesmo día do sorteo de vales, o 27 de decembro.

Como sinala a alcaldesa, Sandra González, “queremos seguir poñendo en marcha iniciativas coas que dar pulo ao noso comercio e animar ás tomiñesas e tomiñeses a mercar nas tendas dos seus veciños e veciñas, especialmente en datas tan sinaladas hai un elevado número de compras. Cada paso que damos conta para apoiar á economía local e o futuro de Tomiño”.