Comezan as xeiras polo patrimonio etnográfico do noso concello A primeira terá lugar o xoves 4 de xullo a partir das seis e media da tarde

“As pegadas na paisaxe: mámoas, ouro, toponimia e garranos” é o nome da primeira xeira de este ano organizada polo Concello de Tomiño, coa colaboración, neste caso, do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). Xosé Lois Vilar será o guía experto desta saída, na que se percorrerán, a partir das seis e media da tarde, os xacementos de minaría romana, mámoas e toponimia desta zona (Vilachán do Monte e Pinzás).

A duración prevista da actividade é de tres horas e media. É para todos os públicos e de balde, pero precisa inscrición a través da páxina web do Concello. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo.

A seguinte xeira (xoves 1 de agosto) será “O Monte Tetón nova lectura: homes, garranos, cervos e cans”, tamén dirixida por Xosé Lois Vilar, do IEM. Esta actividade constará de dúas partes: unha conferencia sobre o tema no salón de plenos do Concello, e a continuación, unha saída de campo para ver os petróglifos do Monte Tetón. Comezará ás 20.30 horas, cunha duración de tres horas e media. A actividade é de balde e require inscrición previa. Hai que levar roupa e calzado cómodo e lanterna.

O 29 de agosto, tamén xoves, terá lugar a xeira “Camiño da Nosa Señora do Norte: terceira etapa, ollando cara Tebra”. A saída será tamén ás 18.30h e a duración de 3.30h. Esta visita será guiada por Antonio Soliño (do IEM) e percorrerá os principais puntos de interese patrimonial por onde transcorría o Camiño de Santiago por Tomiño. Tamén de balde, con inscrición previa e roupa e calzado cómodo.